O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), entidade na que participa a Fundación Juana de Vega, presentou esta tarde o proceso social para a posta en marcha do primeiro parque eólico comunitario de Galicia. Como explicou o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xavier Simón, e tamén director do OEGA, “despois dun ano con contactos previos, o OEGA lanza o proceso social para a captación de apoios para a posta en marcha do Parque Eólico Comunitario Quiñón do Ar en Pontevedra, que consistirá nun único aeroxerador de 4,2 MW”.
Esta acción, explicaba Simón, “insírese dentro dunha iniciativa de varios investigadores da UVigo mediante a creación dunha empresa de base cooperativa a partir dos resultados da súa investigación”. Estará situado no Concello da Lama (Pontevedra) previo acordo cos propietarios das terras. “Realizarase un investimento de arredor 6 millóns de euros, resultado das achegas ao seu capital social por parte da cidadanía interesada, das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, dos concellos e deputacións, das pequenas e medianas empresas, tanto do sector enerxético como doutros sectores e da Xunta de Galicia”.
Neste sentido, Simón destaca que a iniciativa de poñer en marcha este parque eólico ”encaixa perfectamente” co estipulado na recentemente aprobada Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. “A produción estimada polo parque eólico alcanzaría para obter a cantidade equivalente de enerxía consumida anualmente por 3.500 familias e deixaríanse de emitir case 30.000 tm de CO2”.
A presentación do do primeiro parque eólico comunitario de Galicia foi o colofón da xornada "Comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias. O ecosistema galego" que este xoves 21 reuniu durante todo o día a representantes de entidades locais, concellos, deputacións, Xunta, comunidades de montes e outras iniciativas para visibilizar o traballo social, económico e político que se esta a levar a cabo para impulsar a transición enerxética local. Foi unha posta en común das propostas que se levan a cabo desde diferentes ámbitos sendo un dos exemplos expostos o proxecto europeo EC4RURAL, do que é socia a Fundación Juana de Vega. Ademais do equipo técnico, achegarónse para contar a súa experiencia os concellos do Rosal, Vilasantar, Moeche e Muíños, que participan no piloto de Galicia.
A Fundación Juana de Vega é unha das entidades impulsoras do OEGA - Observatorio Eólico de Galicia xunto coa Universidade de Vigo (promotores), a Fundación Isla Couto e a Fundación Paidea-Galiza.