O I Foro Rural Terras Gauda reflexiona sobre o futuro do viño galego 

Share

O director da área de Innovación e Investigación da Fundación Juana de Vega, Alfonso Ribas, foi un dos coordinadores do “I Foro Rural Terras Gauda. Situación actual e retos do sector vitivinícola galego”, xunto a Edelmiro López Iglesias e Fernando González Laxe. O encontro, organizado polo Foro Económico de Galicia, celebrouse o venres, 12 de setembro nas Bodegas Terras Gauda (O Rosal, Pontevedra) para analizar os desafíos e oportunidades dun dos sectores estratéxicos de Galicia. 

Ribas, ademais, moderou a mesa “Desafíos e oportunidades derivados do cambio climático e a sostibilidade ambiental”, un dos temas principais da xornada. A súa participación reflectiu o compromiso da Fundación Juana de Vega coa sostibilidade do sector vitivinícola, participando en proxectos europeos Interreg Sudoe Programme como ECOSPHEREWINES, centrado na xestión sostible de paisaxes vitícolas; ou Soil&WineResidues, que promove a economía circular a partir dos subprodutos da vide. Ademais, a Fundación tamén coordinou a elaboración da "Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas de Galicia", un plan que buscou reforzar a competitividade, sostibilidade e cohesión territorial destas zonas produtoras. 

O foro reuniu a empresarios, académicos e representantes da administración pública. As sesións abordaron cuestións clave como o acceso aos mercados internacionais, a adaptación da produción aos cambios na demanda xurdidos tras a pandemia ou o cumprimento das normativas medioambientais cada vez máis esixentes. 

Con este encontro, Alfonso Ribas e o resto dos coordinadores pretenderon achegar unha reflexión sobre o futuro do viño galego, un ámbito que, tras catro décadas de modernización, continua a ser un motor esencial do desenvolvemento rural de Galicia.