A próxima semana, entre o martes 22 e o xoves 24, a Fundación Juana de Vega xunto co proxecto agroecolóxico Os Biosbardos (Cambre) organiza o curso de tres días “O ABC da agricultura orgánica” liderado por Jairo Restrepo Rivera, un dos maiores expertos a nivel mundial en agricultura orgánica. Esta formación especializada é unha das catro citas que o fundador de La Mierda de Vaca (https://lamierdadevaca.com) imparte na súa xira por España durante este mes de outubro. O interese xerado fixo que as trinta prazas ofertadas se cubrisen hai semanas e, incluso, haxa lista de espera con chamadas doutras partes de Galicia. A maioría dos anotados son profesionais en activo vinculados ao agro e tamén asistirán persoas doutros sectores.

Serán unhas xornadas eminentemente prácticas e de intercambio de experiencias para dar a coñecer modelos alternativos de produción de alimentos baseados en aumentar a fertilidade dun recurso básico para ter un solo vivo e produtivo. Restrepo ensinaralles como elaborar biofórmulas, activar os microorganismos ou facer caldos minerais para o control de enfermidades e eliminar a dependencia dos insumos externos. O obxectivo é que os agricultores poidan ter o control das súas explotacións e posúan ferramentas, e coñecementos, que lles permitan aproveitar o potencial dos recursos naturais da súa contorna.
A transición da agricultura convencional á orgánica pode parecer desafiante, pero os beneficios a longo prazo son innegables. Mentres que a primeira pode ofrecer rendementos máis altos a curto prazo, a miúdo faino a expensas da saúde do solo e do ecosistema.
Desto sabe ben Miguel Roig, fundador do proxecto agroecolóxico Os Biosbardos, que conseguiu contrarrestar a suba de ata un 20% do carbonato cálcico (que se ten que botar na terra ácida de Galicia) substituíndoo por cunchas de vieira triturada dunha conserveira próxima. Igualmente, nesta aposta por unha agricultura máis consciente, respectuosa e sostible, desde hai un ano recorre a outros produtores que lle dan restos de madeira, pousos de café, lá de ovellas, polvo de roca ou residuos orgánicos de comedores colectivos e que el transforma con medios propios nun fertilizante natural nas súas leiras.
“Este tipo de agricultura é moi potente e ademais, está vinculada coa economía circular xa que evitamos derivar residuos a vertedoiro”, sinala. En números, pon como exemplo que nos 2.000 kg/hectárea de carbonato cálcico que el necesitaría para corrixir o ph do solo, aforra un 600€/hectárea.
Agricultura orgánica vs convencional
A agricultura orgánica é un método de cultivo que se enfoca en producir alimentos de alta calidade mentres preserva o equilibrio ecolóxico e a fertilidade do solo. Evita o uso de pesticidas sintéticos, fertilizantes químicos, organismos xeneticamente modificados ou hormonas de crecemento.
No corazón deste sistema de cultivo está a comprensión de que a alma do solo é a materia orgánica composta por restos de plantas, animais e microorganismos en descomposición. Estes insumos xeran un humus que axuda a manter a estrutura do solo, retén a humidade e proporciona nutrientes ás plantas de maneira sostible. Entre as prácticas fundamentais que forman a base da agricultura orgánica están a rotación de cultivos, a compostaxe, o control biolóxico de pragas, o uso de cubertas vexetais ou o manexo integrado.
O docente
Jairo Restrepo Rivera é enxeñeiro agrónomo, promotor, consultor e formador en agricultura orgánica. Suma máis de 35 anos de experiencia que materializou no seu proxecto “La mierda de vaca”, así como en cursos presenciais impartidos en máis de trinta países.
Nado en Colombia e naturalizado no Brasil, Restrepo contribuíu en todos os procesos de evolución da agricultura orgánica a nivel mundial; tanto mediante o desenvolvemento de técnicas de fertilización e nutrición orgánica como de recuperación e conservación de solos, diagnóstico e planificación de procesos de transición cara a técnicas de cultivo máis respectuosas co medio.
A Fundación Juana de Vega, no marco da súa aposta polas actividades formativas vinculadas á produción agrogandeira sostible, coorganiza este curso de tres días como unha continuación á liña temática iniciada en febreiro deste ano coas I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa e nas que tamén colaborou Os Biosbardos.
Primeiro día
A inauguración do curso terá lugar na sede da Fundación Juana de Vega o martes, 22 de outubro entre as 9:30h e as 11:00h. O grupo trasladarase a continuación á explotación dos Biosbardos para a realización da parte práctica.
