O Grupo Operativo TERRACTIVA reuniuse hoxe na sede da Fundación Juana de Vega para continuar coa redacción da futura "Guía de apoio ao acceso á terra" para novos entrantes no sector agrogandeiro en Galicia. Na orde do día, tamén se incluía a coordinación das tarefas a executar nos próximos meses.
Xunto coa Fundación Juana de Vega o consorcio do Grupo Operativo TERRACTIVA está integrado polo Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa, Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, LaboraTe - Laboratorio do Territorio, a cooperativa Horsal; e colaboran Slow Food Compostela, a tamén cooperativa Granxas de Lousada e a empresa hortícola HortaEco.
Que é TERRACTIVA?
Esta iniciativa nace da cooperación e busca xerar un marco metodolóxico para capacitar as entidades no apoio á incorporación de novos activos no campo, aproveitando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra.
Novos entrantes son aquelas persoas que, sen experiencia nin vinculación previa, deciden converter en profesión a súa inquietude polo coidado da terra. Na web do proxecto, terractiva.es, hai varios testemuños de persoas que xa iniciaron este camiño, como Charline, de Pontevedra, ou Miguel Roig, dos Biosbardos - Cultura de Leira, de Cambre.