O Grupo Operativo Rede de Granxas Modelo foi seleccionado para participar nunha xornada nacional sobre gandería de precisión

Share

O Grupo Operativo Rede de Granxas Modelo foi unha das quince iniciativas seleccionadas a nivel nacional para participar na xornada da Rede PAC "Intercambio de experiencias entre Grupos Operativos e proxectos innovadores na temática de gandería de precisión". O encontro tivo lugar no iHub A Vega Innova (Madrid) este mércores, 21 de maio todo o día.

José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, presentou este proxecto de dous anos 2024-2026 do que somos socios con xunto co Consello Regulador da Indicación Geográfica Protegida Ternera Gallega e a Cooperativa A Carqueixa, dos Ancares (Lugo). Colaboran no consorcio o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria ( Xunta de Galicia).

O obxectivo principal do Grupo Operativo Rede de Granxas Modelo é, primeiro, caracterizar os modelos produtivos propios de Galicia nos sectores de vacún de leite, carne, ovino, caprino e avícola. Despois, proporcionarlle aos gandeiros información adaptada ás súas necesidades para mellorar a eficiencia dos procesos produtivos e, por conseguinte, aumentar a rendibilidade económica das explotacións.

Aprender dos demais
A Rede PAC deseñou un ciclo de intercambios entre grupos operativos financiados pola AEI-Agri (Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas, EIP-Agri, en inglés), proxectos innovadores, así como con outros axentes vinculados á innovación. Terán lugar entre maio e outubro de 2025 baixo diferentes temáticas de traballo para ofrecerlles aos beneficiarios unha plataforma na que aprender das experiencias, innovacións e mellores prácticas dos demais.