O próximo mércores, 12 de marzo (16:30 a 18:30h), os socios do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia organizan, xunto coa Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG) e o IES O Ribeiro, a xornada de transferencia "Avances na produción de planta certificada de oliveiras autóctonas de Galicia".
O evento terá lugar na sede do IES O Ribeiro (rúa Irmáns Álvarez Araújo, 5) con asistencia libre previa inscrición ata cubrir as 50 prazas da sala. Os interesados poderán rexistrarse ata o 11/03 ás 15:00h no seguinte formulario.
Acceso directo ao formulario online: https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/go-oliveiras-de-galicia-xornada-de-transferencia-avances-na-producion-de-planta-certificada-de-oliveiras-autoctonas-de-galicia
O fin deste encontro é manter informado ao sector sobre os avances do GO Oliveiras de Galicia, tanto dos resultados preliminares de micropropagación in vitro como da multiplicación por estaca, así como daquelas variedades de oliveiras autóctonas que están respondendo mellor a estas técnicas ad hoc.
Tamén se aproveitará a xornada para explicarlle aos asistentes os avances no rexistro de variedades comerciais da man da Misión Biolóxica de Galicia (MBG - CSIC).
Pola súa banda, a APAAG presentará nunha cata os Aceites de Oliva Virxe Extra do ano 2024.


Consorcio do GO Oliveiras de Galicia
O consorcio desta investigación aplicada está integrado pola Fundación Juana de Vega (beneficiario principal), a Misión Biológica de Galicia (MBG -CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Olivar de la Concordia (Valga, Pontevedra). A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería do Medio Rural é colaborador externo e o laboratorio Cultigar, entidade subcontratada.
O traballo do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia comezou o 1 de setembro de 2023 e prolongarase ata o 30 de setembro de 2026 para optimizar técnicas de estaca clásica e micropropagación in vitro para a multiplicación a grande escala de 11 variedades únicas (Brava galega e Mansa galega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Maruxiña, Susiña, Hedreira, Xoana e Santiagueira). Ademais, tamén busca sentar as bases para iniciar estudos comparativos sobre o comportamento agronómico destas variedades en plantacións experimentais situadas en diferentes puntos de Galicia.
Prevese que os resultados acadados supoñan un salto tecnolóxico na obtención de plantas enraizadas, ademais de permitir a transferencia de coñecemento á cadea de valor do oliveiral galego para dar resposta ao elevado interese por este tipo de cultivo.
O Grupo Operativo Oliveiras de Galicia representa un paso máis no estudo do oliveiral galego e das súas variedades. A primeira investigación iniciouse en 2012 da man do grupo Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR) da Misión Biolóxica de Galicia no marco do proxecto Inngal-Agromarsalud GAliat 6+7), financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).
Despois, o estudo continuó entre 2017 e 2023 co apoio da Fundación Juana de Vega, que achegou uns 350.000€ procedentes de fondos propios da entidade.
Nesta terceira fase, prosegue a través deste Grupo Operativo financiado con 179.652,68 euros pola convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.