O Grupo Operativo DIXITEGA presenta o novo servizo de información para os produtores da IXP Ternera Gallega

Share

O próximo martes, 24 de setembro o consorcio do Grupo Operativo DIXITEGA organiza a xornada final para presentar os resultados deste proxecto de investigación aplicada. O evento terá lugar na sede do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, en Santiago de Compostela.

Desde 2022, e durante tres anos, o consorcio do Grupo Operativo DIXITEGA estivo traballando man a man co sector para desenvolver a plataforma dixital dixitega.com; un novo espazo dixital en permanente actualización e accesible 24/7 no que se integran diversas fontes de datos relevantes para todos os axentes que forman a cadea de valor da IXP Ternera Gallega.

Ademais de expoñer o traballo realizado e facer un breve percorrido pola aplicación, no evento intervirán representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, e da Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia. María Teresa Ambrós Mendioroz, subdirectora xeral de Innovación e Dixitalización do MAPA destacará a importancia da recollida de datos na produción agraria. A continuación, Orlando Vázquez Yañez, xefe de Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais centrará o seu relatorio na aplicación da Lei de Calidade Alimentaria en Galicia.

O futuro da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega está estreitamente ligado ás novas tecnoloxías. A dixitalización ofrece ferramentas esenciais para impulsar unha posición máis competitiva e sostible deste sector no mercado. Ademais, é unha solución accesible e un recurso fácil e sinxelo para axudar aos pequenos produtores a optimizar o seu traballo diario.O obxectivo principal de DIXITEGA foi, por tanto, achegarlles solucións prácticas e innovadoras que transformen os desafíos en oportunidades nun sector estratéxico para o medio rural de Galicia.

Inscrición previa
Para asistir á xornada final é necesario inscribirse a través do seguinte formulario:
https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/xornada-final-do-go-dixitega

Hai que recordar que este verán, a Red PAC seleccionou ao Grupo Operativo DIXITEGA entre os oito proxectos españois que competirán nos “Premios europeos de Inspiración Rural e Agraria” 2024. 

Socios
O consorcio do GO DIXITEGA está integrado pola Fundación Juana de Vega (coordinadores), o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, o Ceteca - Centro Tecnolóxico da CarneAgrigga Carne Soc. Coop. Galega e Gradiant. Ademais, colaboran DIH DatalifeACRUGA e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Programa | Xornada final de presentación dos resultados do GO DIXITEGA: Dixitalización da cadea de valor da IGP Ternera Galega

17:30-17:45h - Benvida
Representante do CRIXP - Presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia

17:45-18:15h - O GO DIXITEGA e a súa plataforma (FJDV, CRIXP)
Presentación dos resultados do proxecto DIXITEGA
Breve presentación da aplicación www.dixitega.com
- José Gómez Viaño. Secretario Executivo do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia
- Alfonso Ribas Álvarez. Director de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega
- Adrián Sánchez Ántelo. Técnico de Desenvolvemento da Fundación Juana de Vega

18:15-18:35h - Importancia da recollida de datos na produción agraria: Fontes de información e o seu uso no MAPA
María Teresa Ambrós Mendioroz. Subdirectora Xeral de Innovación e Dixitalización (Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, MAPA)

18:35-18:55h - Aplicación da Lei de Calidade Alimentaria en Galicia
Orlando Vázquez Yañez. Xefe de Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais (Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia)

18:55-20:00h - Clausura e viño galego