De entre os 3.400 Grupos Operativos desenvolvidos desde 2012 na Unión Europea, o GO DIXITEGA (Dixitalización da cadea de valor da IGP Ternera Gallega) foi un dos seleccionados para contar cun estand propio na Conferencia da Rede PAC da UE "Grupos Operativos EIP-AGRI: Innovación na práctica” (en inglés, EU CAP Network conference “EIP-AGRI Operational Groups: Innovation in practice”). O encontro sectorial celébrase hoxe e mañá en Estoril (Portugal) coa asistencia prevista dunhas 450 persoas.
O obxectivo principal da conferencia é dobre. Por unha banda, resaltar a implementación exitosa da Asociación Europea de Innovación (EIP-AGRI, European Innovation Partnership “Agricultural Productivity and Sustainability”, polo seu nome en inglés) a través dos Grupos Operativos, un dos seus principais piares. Pola outra, aprender desta experiencia para a implementación dos proxectos no marco da PAC 2023-2027.
Durante estes dous días, Alfonso Ribas, director de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora do GO DIXITEGA, representará ao consorcio e mostrará os resultados conseguidos ata o momento, así como as fases de traballo que se foron completando desde setembro de 2022 e que culminarán 25 meses despois, a finais de setembro de 2024.
Desde o estand habilitado no Centro de Congressos de Estoril, compartirá un avance da nova plataforma TIC que reúne nun único lugar datos de diferentes fontes para que os axentes da cadea de valor da IGP Ternera Gallega coñezan en tempo real información relevante que lles permita optimizar o seu traballo diario.
En xeral, e a través desta aplicación, produtores, cooperativas, industrias alimentarias, cadeas de distribución, organizacións agrarias, centros tecnolóxicos, grupos de investigación ou administracións públicas poderán interactuar e compartir información sobre o custo de materias primas, evolución de prezos, oferta e tipoloxía dos animais dispoñibles para comercialización, estatísticas de produción, sacrificio ou consumo, entre outros.
Contexto: barreiras que xeran oportunidades
O agrogandeiro segue sendo un dos sectores económicos con menor implantación das TIC. Esto, a pesar de que a dixitalización da cadea de valor das producións cárnicas en Galicia é unha das necesidades básicas para ser máis competitivos e sostibles, tanto económica como social e ambientalmente e, a maiores, cumprir os obxectivos do Pacto Verde Europeo e da Estratexia da Granxa á Mesa.
As principais barreiras detectadas para a transformación dixital en Galicia son o pequeno tamaño das explotacións e, en xeral, as escasas marxes das unidades produtivas e da industria cárnica, que fan difícil acometer os investimentos. Neste sentido, tamén é unha desvantaxe a dificultade de acceso a datos públicos e privados; a existencia de fontes fiables e útiles; a falta de interoperabilidade da información e a dificultade das empresas tecnolóxicas para conectar cun sector altamente atomizado.
O obxectivo final de DIXITEGA é, por tanto, achegar solucións prácticas e innovadoras que respondan a estas barreiras para fomentar a competitividade, a produtividade e a viabilidade dun sector estratéxico para o medio rural de Galicia. En xeral, o sector cárnico galego achega o 33% da PFA (Produción Final Agraria). Está formado por unhas 43.000 explotacións e 182 industrias que facturan uns 1.500M€/ano e empregan a unhas 6.000 persoas. Representa, así mesmo, un papel esencial na xestión do territorio e na prevención dos incendios forestais.
Xornadas formativas en xuño
En paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizáronse xornadas de divulgación do GO DIXITEGA nos principais centros educativos agrarios de Galicia e en xuño, están previstas cinco formacións específicas para o sector. Serán en Lugo cidade, Becerreá, Vilalba, A Gudiña e Santiago para que os principais destinatarios aprendan a manexar a plataforma do GO DIXITEGA, e consoliden o seu uso como ferramenta para mellora da competitividade.