O Grupo Operativo Avea Moura promociónase no XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Agolada

Share

O consorcio do Grupo Operativo Avea Moura continúa coa asistencia a feiras por toda Galicia e, incluso, a nivel nacional para promocionar o proxecto.

Desde mañá, 5 de xullo, e durante toda a fin de semana, o GO Avea Moura estará presente no XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia de Agolada (Pontevedra) da man dos socios de Muuhlloa. Desde o seu posto nos Pendellos de Agolada, as compañeiras da cooperativa ofrecerán información sobre esta investigación aplicada que ten como obxectivo a recuperación e valorización das aveas negras galegas.

Previamente á asistencia a esta feira no corazón de Galicia, Muuhlloa levou o Grupo Operativo Avea Moura ao Mercado de Motores, de Madrid, ou á Feira de Emprendedoras de Primavera “Innovando no rural”, promovida polo Campus Terra en Lugo (Galicia).

Que é o Grupo Operativo Avea Moura?

Ata setembro de 2026, o Grupo Operativo Avea Moura traballará nunha investigación aplicada para estudar o potencial das variedades de avea negra galega, a Avena Strigosa, para o seu uso en alimentación humana e en cosmética. No marco deste Grupo Operativo ensaiaranse tres posibles vías de valorización do cereal en produtos de alto valor engadido: novos alimentos fermentados, pans e cremas cosméticas con valor funcional, analizando a súa calidade organoléptica e o seu poder antioxidante.

A Avena Strigosa ten unhas características agronómicas especiais destacando, principalmente, a súa rusticidade, o cultivo en condicións de baixos insumos e o seu alto contido en compostos antioxidantes de elevado valor biolóxico (avenatramidas).

O consorcio está formado pola Misión Biológica de Galicia – CSIC (líder), a Fundación Juana de Vega, a cooperativa Muuhlloa e o restaurante Culler de Pau. En calidad de entidades colaboradoras participan o CIAM da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) – Consellería de Medio Rural, o Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde) e Panadería Da Cunha.