Ademais de investigar, no marco do Grupo Operativo Avea Moura tamén queremos recuperar a tradición vinculada á avea negra galega, a 𝐴𝑣𝑒𝑛𝑎 𝑆𝑡𝑟𝑖𝑔𝑜𝑠𝑎 e, en xeral, ao cultivo e consumo da avea en Galicia. Con este obxectivo, desde o consorcio lanzamos unha participación a través das redes sociais dos catro socios para consultar entre a poboación das catro provincias se, na súa casa, comían papas de fariña de avea e se tiñan unha denominación específica para elas.
A través dunha consulta ao Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL) da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Xunta de Galicia), especificáronnos que os dialectalismos afreitas e freitas están documentados, respectivamente, en varios dicionarios nas zonas de Melide e de Sobrado dos Monxes (A Coruña), ademais de aparecer algunha marca en Viveiro (Lugo). Mentres, arrandas é a voz estandarizada e sancionada pola Real Academia Galega.
Os interesados en colaborar nesta consulta, ademais de deixar a súa achega en redes sociais aquí (Instagram, Facebook, Twitter ou Linkedin), tamén nos poden escribir ao email info@juanadevega.org.
Que é o Grupo Operativo Avea Moura?
Ata setembro de 2026, o Grupo Operativo Avea Moura traballará nunha investigación aplicada para estudar o potencial das variedades de avea negra galega, a 𝐴𝑣𝑒𝑛𝑎 𝑆𝑡𝑟𝑖𝑔𝑜𝑠𝑎, para o seu uso en novos produtos de alimentación humana e en cosmética. En concreto, ensaiaranse 3 posibles vías de valorización do cereal en produtos de alto valor engadido: novos alimentos fermentados, pans e cremas cosméticas con valor funcional, analizando a súa calidade organoléptica e o seu poder antioxidante.
A 𝐴𝑣𝑒𝑛𝑎 𝑆𝑡𝑟𝑖𝑔𝑜𝑠𝑎 ten unhas características agronómicas especiais destacando, principalmente, a súa rusticidade, o cultivo en condicións de baixos insumos e o seu alto contido en compostos antioxidantes de elevado valor biolóxico (avenatramidas).
O consorcio deste Grupo Operativo está formado polo Grupo de Adaptación e sustentabilidade de cultivos da Misión Biolóxica de Galicia – CSIC (líder), a Fundación Juana de Vega, a cooperativa Muulhoa e o restaurante Culler de Pau. En calidade de colaboradores sumáronse o CIAM da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) – Consellería de Medio Rural, o Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico e de Panadería Dacuña.