Oleiros, 5 de febreiro de 2019.- O cambio nas regras de xogo foi unha das máximas máis repetidas no faladoiro sobre Muller e Ciencia que acolleu hoxe a Fundación Juana de Vega, a través da Cátedra Juana de Vega, en colaboración coa Universidade de Santiago.
A solución pasa por establecer novas estratexias psicolóxicas, educativas, políticas e simbólicas, con novos referentes. A xornada tiña por obxectivo reflexionar sobre os cambios necesarios para a incorporación real da perspectiva de xénero na ciencia e dar a coñecer a situación actual das mulleres no Sistema de Ciencia e Tecnoloxía, así como as barreiras e os estereotipos que aínda permanecen para poder avanzar en propostas de acción para procurar a igualdade.
Entre as intervencións, Jorge García Marín, do departamento de Ciencia Política e Socioloxía da USC, foi o encargado de falar de todos estes temas dende a perspectiva masculina e tamén da nova masculinidade. "Hai que facer unha lectura dende unha perspectiva feminista para cambiar as reglas de xogo dunha sociedade patriarcal –reflexiona– e por que é tan difícil que os homes nos impliquemos e cales son os obstáculos para cambiar a sociedade". O profesor, que admite ter recibido reaccións negativas pola súa defensa pública do feminismo e incluso insultos, entende que a súa posición "pode chocar en certas masculininades hexemónicas pero tamén hai homes que van cambiando as regras do xogo e iso tamén nos da esperanza". "É básico que os homes nos desempoderemos e vaiamos a unha sociedade con menos violencia", conclúe.
Eulalia Pérez Sedeño, filósofa e profesora de investigación do CSIC, foi a encargada de abrir o debate sobre os estereotipos de xénero en ciencia e tecnoloxía e como afecta ás oportunidades para desenvolver carreiras: "É importante visibilizar ás mulleres e sacar á luz os mecanismos de deslexitimación epistémica das mulleres, cando non se lles dá importancia ou se atribúen os seus logros a outras persoas; hai que introducir cambios na maneira de facer ciencia, eliminando os sesgos de xénero".
Coral del Río, catedrática de Economía do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, tamén falou sobre o sesgo de xénero: "Cando un home comete un erro, só se representa a si mesmo pero cando unha muller falla, representa a todas as mulleres; sobre todo cando falla".
Del Río afirmou que "os avances na corresponsabilidade no fogar avanzan pero van moi lentos; incluso en parellas con ideas igualitarias, cando nace o primeiro bebé as cousas empezan a cambiar". Na súa opinión, os "permisos de paternidade e maternidade deberían ser de igual duración pero sen solaparse". A catedrática falou tamén da "misoxinia" como única explicación de casos coma as denuncias de acoso en importantes empresas tecnolóxicas internacionais que non teñen apenas repercusión debido á falta de interés das propias compañías.
Xulia Guntín, do departamento de Economía Cuantitativa da USC e coordinadora do faladoiro, introduciu no debate a idea de que hai que repensar no só a participación feminina na sociedade, pedíndolles ás mulleres que collan postos de liderazgo e dean pasos adiante, senón tamén un modelo que potencia en exceso os valores considerados masculinos, o que vai en contra non só das mulleres senón de toda a sociedade.