O documental "Un mar de mulleres: o traballo feminino nas industrias do mar de Galicia", producido pola Cátedra Juana de Vega, co apoio da Fundación Juana de Vega e da Universidade de Santiago de Compostela, vén de ser seleccionado na sección oficial documental da 3ª edición do Festival Cine do Mar de Marín, tras ser escollido entre máis de 300 filmes procedentes de todo o mundo.
O documental é un proxecto audiovisual que pon en valor o papel fundamental das mulleres nas industrias do mar en Galicia, e que compartirá sección oficial con outros destacados documentais:
- "A tarea", de Alfonso O'Donnell
- "La mè a nan sa", de Fernando Martín e Elsa Suárez
- "Si el silencio fuera azul", de Gabriela Muñoz, Magdalena Funezalida, Mª Jesús Cardemil, Benjamin Rojas e Marc Pompermayer
- "Parangol", de Dinko Bozanic
- "Polbeiros", de Ángel Cea
- "Mar, vent, sol", de Xacobo Sanmartín
A proxección de "Un mar de mulleres" terá lugar o martes, 21 de abril, ás 20:00h, dentro da programación oficial do festival. Previamente, Luisa Muñoz Abeledo, directora da Cátedra Juana de Vega, presentará o documental xunto coa directora, Sabela Brand.
O xurado desta edición está composto por Gaspar Broullón, Nati Juncal e Anxos Fazáns, referentes do ámbito audiovisual galego.
Este recoñecemento reforza o compromiso da Cátedra Juana de Vega coa promoción do coñecemento, a cultura e a visibilización do traballo das mulleres, así como o apoio a iniciativas audiovisuais de carácter social e divulgativo vencelladas ao territorio e ao mar.

