Na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros continuaron esta mañá as"Xornadas internacionais: Paisaxes litorais consilientes | A Coruña: caso de estudo para o desenvolvemento sostible desde a perspectiva da paisaxe, o capital natural e a infraestrutura verde” que a entidade organizou para reflexionar sobre o futuro do bordo litoral da cidade con profesionais e estudos de paisaxismo referentes en Europa e EE.UU convidados ex proceso para este debate. O evento está apoiado pola Deputación da Coruña.

Os relatores convidados á esta sesión 2 dedicada aos novos usos e oportunidades económicas, sociais e culturais foron Alfonso Vegara, presidente da Fundación Metrópoli, un centro internacional de excelencia dedicado á investigación, o deseño e a innovación; e Francisco Javier Álvarez, xefe do Servicio Xurídico da Autoridad Portuaria de Santander. Ambos os dous relatores foron presentados pro Pedro Calaza, director da Área da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.
Baixo o título “Territorios Intelixentes e o futuro dos espazos portuarios e litorais”, Vegara analizou como os portos poden converterse en catalizadores de transformación urbana, integrándose en proxectos de cidade. Compartiu a experiencia de Singapur, onde o porto máis eficiente do mundo será trasladado para dar lugar a un gran distrito financeiro, así como a iniciativa Bintan Eco Island, en Indonesia, exemplo de sostibilidade e innovación na contorna rexional. No caso de Galicia, apuntou que a nivel local “os portos da Coruña e Ferrol ofrecen unha oportunidade estratéxica dentro do sistema de cidades galego”. Neste sentido, “desde a perspectiva internacional e metodolóxica da Fundación Metrópoli” propuxo ideas para reforzar o carácter urbano do porto da Coruña, inspirándose en casos de éxito nacionais como os de Bilbao ou de Málaga. Non obstante, e como apuntou, “antes de pensar no desenvolvemento urbano hai que pensar na natureza. Hai que inspirarse na riqueza ambiental dos territorios”.
No caso de Francisco Javier Álvarez, a súa intervención “O eixo cultural da fronte marítima-portuaria de Santander” centrouse no papel das cidades portuarias como ecosistemas de creatividade, analizando o legado cultural dos portos, destacando o seu singular impacto na creación artística e científica e reflexionando sobre a súa influencia na configuración das identidades das cidades nas que se emprazan.
Expuxo o caso do porto e da cidade de Santander, desde unha dobre perspectiva: por unha banda, a dos equipamentos culturais propios da Autoridad Portuaria de Santander e as actividades desta natureza desenvolvidas nos últimos 40 anos. Por outro, o doutras infraestruturas tanto públicas como privadas que albergan este tipo de usos, situadas na fronte marítima portuaria da cidade e que xa están en funcionamento ou se atopan actualmente en desenvolvemento. “Santander é un exemplo de como neste 45 anos, desde 1980, unha cidade sen arte se está convertendo nunha referencia en arte contemporáneo”.
Na mesa redonda que cerrou a mañá participaron Manuel Docampo, investigador do Grupo de Estudos Territoriais (GET) e Miguel Abelleira Doldán, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura, ambos da Universidade da Coruña; e Francisco Peleteiro, presidente da Asociación de Usuarios do Porto da Coruña (Ausport). Moderou o debate Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia.
Viaxes desde Boston e Manchester o 19 de setembro
As "Xornadas internacionais: Paisaxes litorais consilientes estrutúranse en catro bloques temáticos: enxeñería portuaria e mobilidade, desenvolvemento socioeconómico, infraestrutura verde e taller práctico, no que participarán grandes expertos internacionais e nacionais de diferentes campos de coñecemento.
Durante os catro venres de setembro e o sábado 27, asistentes e expertos reflexionarán e debaterán as propostas, oportunidades e ideas para enriquecer os proxectos que se presenten á transformación do bordo litoral da Coruña.
Tras a sesión inaugural e a de hoxe, o foro continuará o venres 19 con Chris Reed, fundador do estudo STOSS (Boston), profesor na Escola de Posgrao de Deseño da Universidade de Harvard e unha das principais voces na transformación de paisaxes e cidades cun enfoque centrado na resiliencia climática. Reed viaxará desde Boston para este evento convidado pola Fundación Juana de Vega. Tras el intervirá Edward Fox, profesor titular de Arquitectura da Paisaxe na Manchester University (Manchester), quen ademais de docente e investigador liderou o equipo encargado da rexeneración do principal corredor fluvial de Manchester, o Irwell River Park.
O punto e final a este foro poñeráo a arquitecta e paisaxista Mary Bowman, socia e fundadora de Gustafson Porter + Bowman (Londres). Ela dirixirá o obradoiro participativo dos días 26-27 con visita á zona de estudo pola tarde. Actualmente, Bowman lidera un amplo equipo multidisciplinar no Plan de Paisaxe da Torre Eiffel e ten participado noutros como a fonte conmemorativa de Diana de Gales ou o Marina One en Singapur.
