O Couto florecerá en maio embelecendo as rúas e as vivendas da aldea

Share

O proxecto “O Couto Florido” na aldea do Couto (Ponteceso) continúa no mes das flores co simbólico nome de “Maio Florido”. Os resultados do proceso participativo levado a cabo durante a primeira xornada do programa a finais de marzo abrollaron este xoves nas mans dos voluntarios que se involucrarán activamente no embelecemento da paisaxe da aldea e na mellora da súa biodiversidade.

Neste sentido, hoxe presentáronse as conclusións do encontro denominado “Sementes”, celebrado o pasado 29 de marzo, para trasladarlle aos participantes como as 89 ideas documentadas se están convertendo en propostas concretas de actuación. Hai que destacar que unha das principais conclusións desta experiencia aberta á que acudiron máis de cincuenta persoas é que a vontade colectiva apuntou cara a un forte interese pola naturalización, o coidado do espazo público e a posta en valor do patrimonio local mediante intervencións sensibles e sostibles.

Programa
As actividades prácticas deste 15 de maio comezaron cun obradoiro de kokedamas, unha técnica xaponesa para elaborar testos vivos con criterios ecolóxicos que despois se colgarán nun dos espazos cubertos da Praza do Quinteiro.

Despois, os voluntarios fusionaron arte e natureza coa plantación de 15 especies florais ornamentais, aromáticas ou silvestres de interese para os polinizadores. Entre a selección hai sementes de xirasois (Helianthus annuus), que pediron os veciños; nébeda (Nepeta cataria), romeu (Rosmarinus officinalis 'Prostratus'), menta poleo (Mentha pulegium) ou mel de cuco (Lonicera periclymenum), que é como lle chaman á madreselva no Couto, unha planta que estaba en proceso de desaparición no lugar e agora se vai recuperar. Todas as flores levarán carteis co seu nome para que sexan facilmente identificables pola veciñanza e visitantes.

Ao longo do espazo da aldea distribuíronse 35 testos de barro de Buño de dous tamaños para adornar o exterior das vivendas e un total de sete xardineiras feitas en madeira con placas cerámicas co logotipo do proxecto. As xardineiras instaláronas os usuarios da empresa de xestión social “Máis por vir” de Íntegro (Cabana) e os oleiros do obradoiro Feituras, de Buño, déronlle forma aos testos.

Terceira xornada en agosto
A finais do verán, o proxecto “O Couto Florido” concluirá co terceiro encontro denominado “Colleita” coincidindo coa 43ª edición do festival cultural Festiletras. Este día organizarase unha ruta para ver todas as intervencións realizadas no espazo, coas flores en todo o seu esplendor, e aproveitarase para compartir boas prácticas para a xestión, o coidado e o mantemento futuro da paisaxe da aldea.

O Couto Florido é un proxecto para seguir coidando e embelecendo a aldea do Couto, sumando á súa intensa vida cultural novas accións arredor da biodiversidade. A iniciativa está impulsada pola Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal co apoio do Instituto de Estudos do Territorio - IET da Consellería de Medio Ambiente (Xunta de Galicia).

Este programa quere ir máis aló da intervención nun espazo físico xa que é unha proposta de recuperación, coidado e posta en valor da identidade dunha comunidade como a que conforma a veciñanza do Couto. Tomando como punto de partida espazos degradados faise uso de solucións baseadas na natureza (SBN) para revalorizar o patrimonio cultural como motor de cambio e mellora. O obxectivo final será consolidar a aldea como un referente en revitalización rural, demostrando que a biodiversidade, a cultura e a participación cidadá son piares para un modelo territorial máis sostible e resiliente.

Proxecto piloto para as Vilas en Flor
Nesta liña, O Couto Florido dá un paso para consolidarse como proxecto piloto a replicar no marco do movemento Vilas en Flor, no que o Concello de Ponteceso leva participando desde os seus inicios hai xa 7 anos. Vilas en Flor comezou en Galicia en 2018 impulsado pola Fundación Juana de Vega, entre outras entidades, tamén co apoio do IET.