
Esta mañá tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación de resultados do proxecto europeo DOWN TO EARTH, unha xornada coorganizada pola Fundación Juana de Vega. No evento deuse a coñecer oficialmente a iniciativa EIRA (Espazo de Innovación Aplicada), coa que se crea un marco colaborativo no territorio para unha xestión gobernada dos datos e da innovación aplicada ao desenvolvemento rural, xurdida das aprendizaxes en Galicia durante os tres anos de traballo de DOWN TO EARTH. Este proxecto está impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
A benvida institucional correu a cargo de Mar Pereira, subdirectora xeral de Promoción Internacional e Rural Intelixente; Damián Rey, director de AMTEGA; e José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega. Andrade aproveitou para facer unha valoración da participación da nosa entidade no proxecto: “DOWN TO EARTH permitiunos coñecer experiencias doutros países de Europa como Italia, Romanía, Alemaña, Grecia e Eslovenia e aprender deles para abordar os retos do rural, que non son exclusivos de Galicia, pero que son cada vez máis complexos e deben afrontarse con visión territorial”.
Un feito que contrastou Fran García, técnico da Fundación Juana de Vega, durante o relatorio no que presentou os primeiros resultados deste proxecto Interreg Europe: “Existen moitas diferenzas entre rexións, pero unha base común na que traballar porque hai patróns de comportamentos similares”. Neste contexto, argumentou que as políticas públicas deben adaptarse a cada rexión e ás súas problemáticas, combinando innovación e boas prácticas dirixidas a aspectos nucleares. “O principal desafío non é trazar novas políticas, senón desenvolver plenamente as que xa temos”, puntualizou recordando a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. “A cooperación interrexional, como a que establecemos durante tres anos con DOWN TO EARTH, acelera a mellora das políticas públicas porque acelera a aprendizaxe”, concluíu.
O programa completouse con presentacións técnicas e dúas mesas redondas nas que profesionais de distintos ámbitos, como DIH DATAlife, Innogando, Gradiant, o xestor da Aldea Modelo de Osmo e unha produtora de mazá en ecolóxico, compartiron a súa experiencia práctica en aplicación da innovación no rural, mostrando como o uso os datos permite xerar información de utilidade que mellora a eficiencia da súa actividade. Tania Gesto, técnica da Fundación Juana de Vega, moderou a mesa redonda “Experiencias innovadoras aplicadas ao desenvolvemento rural”, mentres que Marta Vázquez Sanjurjo, secretaria xeral de AGADER, clausurou o evento.
