A Fundación Juana de Vega fixo entrega esta mañá do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024, na categoría “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural”, ao Complexo Enoturístico María Manuela de Boqueixón (A Coruña). Os dous accésits recaeron no proxecto “Xanceda: un ciclo de auga 360º”, de Casa Grande de Xanceda (Mesía, A Coruña); e para a Horta e invernadoiro do restaurante Culler de Pau (O Grove, Pontevedra). Nesta ocasión, o xurado fixo unha mención especial ao Forno de pan Aboamigalla, de Cea (Ourense).
O premiado recibirá 6.000€ a repartir entre os autores e o promotor ao 50%; e cada un dos dous accésits, 1.500€.

Trátase da primeira edición dunha categoría de premios que persegue a mellora da integración na paisaxe de instalacións produtivas, un aspecto pendente en Galicia que require contar con proxectos modélicos. “Estes catro premiados son a punta de lanza para abrir novos deseños no marco da sostibilidade, da integración na natureza e do respeto á biodiversidade e ao capital natural propio”, valoraron desde a Fundación Juana de Vega. En concreto, o presidente, Enrique Sáez, dixo sentirse moi orgulloso desta primeira edición da categoría porque se recoñeceu “unha vangarda cos pés na terra” xa que os galardoados están vinculados co produtos de recoñecida calidade e embaixadores de Galicia como son o viño albariño, o leite, o pan, a horta e agricultura, a gastronomía en si.
Cada proxecto, en detalle
As cabanas e a adega do Complexo Enoturístico María Manuela (Boqueixón, A Coruña) son obra dos arquitectos Alfonso Salgado Suárez e Francisco X. Liñares Túnez, como materialización do soño compartido de Nieves Millán e do seu marido, Moisés Rodríguez tras herdar o viñedo familiar nas ribeiras do Ulla e á beira do Camiño de Santiago (Vía da Prata e Camiño de Inverno), integradas perfectamente nun bosque natural con árbores autóctonas.
O xurado valorou a filosofía da intervención, a calidade e sensibilidade na execución tanto da adega como das 6 cabanas, a súa adaptación á contorna e a posta en valor dos elementos naturais. Os expertos resaltaron tamén a proposta de salvar unha carballeira natural de gran valor ecosistémico integrando respetuosamente nela as dependencias de aloxamento turístico que gozan dunha contorna biofílica e singular. Neste sentido, o xurado tamén tivo en conta que neste proxecto sobresaen os criterios de sostibilidade e economía de materiais, especialmente a selección e uso de madeiras, o emprego de pés arbóreos nalgunha cabana e o tratamento respectuoso da vexetación a nivel de estrato arbustivo e herbáceo. “O conxunto viñedo-cabanas-adega-bosque natural é un destacado exemplo de como aproveitar e reforzar o capital natural para construír e integrar no medio as instalacións dunha empresa, mantendo e potenciando os valores orixinais do espazo”, sinalan.
No caso do novo edificio de depuración de augas da granxa Casa Grande de Xanceda (Mesía, A Coruña), o xurado tivo en conta a transferibilidade do proxecto a outras zonas con necesidades similares. O edificio está integrado no espazo privado de interese natural (EPIN) da explotación gandeira, para o cal, sinalan os expertos, se soubo desenvolver un proxecto que combina innovación na enxeñería con respecto ao medio, en particular a auga, optando por materiais naturais como a madeira. Así mesmo, puxeron en valor a “orixinal solución” para minimizar o son das bombas para interferir o menos posible coa fauna da contorna e protexer a biodiversidade.
Desde a súa inauguración en 2009, o galardoado restaurante Culler de Pau (O Grove, Pontevedra) foi dando pasos adiante para unir cociña e investigación a través da súa horta ecolóxica, que tamén é un proxecto de recuperación produtiva e paisaxística. Firmado polo estudio Prieto Patiño Arquitectura, o xurado valorou a actuación dun equipo multidisciplinar para recuperar o valor de especies vexetais autóctonas mediante o cultivo nun invernadoiro, construído en madeira, que permite achegar á cidadanía a botánica, a gastronomía e o uso tradicional das plantas, incluído o medicinal. “O deseño do invernadoiro é un exemplo de como a arquitectura e a enxeñería sinxelas poden ofrecer boas solucións”, explicaban na acta.
Coa mención especial ao proxecto Forno de pan de Cea Aboamigalla (Cea, Ourense), os expertos quixeron poñer o foco na sensibilidade dos promotores, Sofía Godoy e Juan Carlos Rodríguez, así como do autor do proxecto Juan Carlos Cabanelas Rodríguez, pola delicadeza no deseño deste edificio singular. “Son un exemplo positivo de como unha construción ex novo pode mellorar a típica paisaxe monótona e pouco relevante dun parque empresarial”, valoran.
O xurado do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024 estivo integrado por sete profesionais de recoñecida traxectoria. A presidenta foi a arquitecta portuguesa Teresa Novais e os vogais: Jesús Sánchez, catedrático de Historia da Arte da USC; Inés Santé, doutora en Enxeñería Agrónoma, profesora do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela; Jorge Piñeiro, representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG); Julio García, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (COIIG); Enrique Luis de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia; e Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega. Exerceu de secretario, Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.
