Noraboa ao CFEA Guísamo polo seu 60 aniversario!

Share

O venres, 4 de outubro, José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, acompañou ao CFEA de Guísamo na celebración do seu 60 aniversario. Ademais de asistir á inauguración da efeméride, saudou e felicitou en persoa ao equipo directivo e os responsables da AGACAL e da Consellería do Medio Rural pola longa traxectoria do centro educativo. O acto estivo presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; e a directora do CFEA de Guísamo, Camino Nicolás Velado.

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo está adscrito á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é respostar ás necesidades formativas dos profesionais, entidades, asociacións e poboación relacionada con actividades agrogandeiras, forestais e dinamización do medio rural.

Exemplo de colaboración público-privada
Desde hai doce anos, ambas entidades organizan e imparten en conxunto os cursos de Viticultura e Fruticultura. Esta formación especializada, xa veterana para o agro galego nunca deixou de convocarse desde 2012 cun bo nivel de inscritos, cubrindo sempre as prazas ofertadas e incluso xerando lista de espera. Os máis de 700 asistentes rexistrados dan conta do interese que ambas continúan tendo para os usuarios profesionais, semiprofesionais ou afeccionados.

A maiores, e co fin de favorecer a formación complementaria do alumnado do CFEA de Guísamo, a Fundación Juana de Vega convoca cada ano 14 bolsas, 7 por cada especialidade, financiadas integramente pola nosa entidade para cubrir os custos de matrícula dos mozos que queren complementar o seu currículo académico.

"Este é un bo exemplo da colaboración público-privada", ten destacado en varias ocasións, José Manuel Andrade.

Mesa redonda
Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación, participou nunha das mesas redondas para falar do presente e futuro da formación da rama agraria. Calaza centrou a súa intervención nas oportunidades relacionadas coa paisaxe e a sostibilidade aproveitando o marco legal cambiante de España e de Europa. En concreto, a Estratexia Nacional de Infraestructura Verde, a Lei de Restauración da Natureza ou a Estratexia Europea de Biodiversidade. Así mesmo, o MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico), debido á falta de profesionais especializados, está identificando que tipo de perfís académicos poden cubrir estas vacantes.