Nace o Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos impulsado pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto

Share

O Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos foi presentado o pasado venres, 16 de maio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias do campus de Vigo durante un encontro ao que asistiron uns 80 representantes de directivas de comunidades de montes e membros de grupos de investigación das universidades galegas.

O Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos é unha iniciativa pública da Universidade de Vigo e as fundacións Juana de Vega e Isla Couto para poñer en valor e fortalecer un patrimonio colectivo clave no presente e futuro do medio rural galego e transfronteirizo. “É, en esencia, unha ferramenta ao servizo da comunidade, para facilitar o coñecemento, a ordenación e o aproveitamento sostible dos montes comunais” xa que, como se apuntou desde a Fundación Juana de Vega na súa quenda de palabra “coidar os montes comunais non é só conservar territorio: é revitalizar comunidades, producir futuro e defender a nosa soberanía territorial. Estamos aquí para comezar un camiño común”.

As tres entidades impulsoras xustifican a necesidade desta ferramenta en que os MVMC ben xestionados son unha infraestrutura de seguridade territorial. “As comunidades de montes poden pasar de extractivismo forestal, é dicir, excesiva dependencia da madeira, a modelos baseados na economía circular, turismo sustentable, produción local e servizos ecosistémicos aliñandose tamén cunha “Europa que reclama transición ecolóxica, bioeconomía e planificación verde”.

Na nosa comunidade, as MVMC son entidades de economía social que xestionan arredor do 25% do territorio. Segundo estudos publicados, están considerados “unha das institucións de propiedade colectiva máis singulares e resilientes de Europa” por seguir modelos de autogoberno comunitario e pola súa capacidade de xerar benestar local, emprego e cohesión territorial. En Portugal, os baldíos, cunha historia e estrutura semellante, están a ser obxecto de revalorización a través de proxectos innovadores para a xestión integrada do monte e do lume.

Catro liñas estratéxicas
O Observatorio quere recoñecer, analizar e seguir a evolución destes espazos, ademais de fomentar a gobernanza participativa a través de redes intercomunitarias e plans de xestión multifuncional. En concreto, e segundo os seus principios fundacionais os obxectivos son:

  • Recoñecemento e sistematización: crear unha base de datos dinámica sobre a titularidade, usos e estado actual dos MVMC e baldíos, integrada con SIG e aberta a actualización comunitaria.
  • Análise e diagnóstico: estudar a evolución e potencialidade multifuncional dos montes.
  • Seguimento de indicadores de sostibilidade, baseados nos criterios europeos, e adaptados ao contexto galego.
  • Fomento da gobernanza participativa: mediante redes de aprendizaxe intercomunitaria, formación técnica e acompañamento na elaboración de plans de xestión multifuncional, seguindo as boas prácticas compiladas polo proxecto CAPRIF-CC, do que é beneficiario e coordinador científico a Fundación Juana de Vega.

Xornada de traballo
No I Encontro organizado polo Observatorio desenvolvéronse tres mesas redondas en sesións de mañá e tarde nas que se abordaron temas de interese e boas prácticas no sector, como os servizos ecosistémicos do monte comunal ou a xestión do monte a través do gando. Así mesmo, neste foro presentáronse os resultados da tese de doutoramento de Beatriz Zugazagoitia sobre capital intelectual das comunidades de montes galegas. No transcurso do encontro, Lara Otero expuxo o traballo de medición de valor social na comunidade de montes de Vincios, mentres que representantes das comunidades do Rosal e Baroña e da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, a Organización Galega de Comunidades de Montes e a Asociación Forestal de Galicia centraron as súas intervencións nas súas experiencias particulares.

Tobias Haller, conferenciante invitado
O coordinador en Europa da Internacional Internacional Association for the Study of the Commons, Tobias Haller, foi o conferenciante convidado ao I Encontro. Durante o seu relatorio expuxo a esencia do seu traballo centrado na xestión sostible dos recursos locais, con especial referencia aos bens denominados comúns (commons, en inglés), ademais de referirse ás comunidades de montes e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.

O nome do Observatorio recolle a denominación que este modelo de xestión comunal recibe en Galicia (montes en man común) e en Portugal (baldíos).