As paisaxes históricas do viñedo, motor de sostibilidade e innovación no proxecto ECOSPHEREWINES

Share

A reunión do consorcio do proxecto INTERREG SUDOE ECOSPHEREWINES celebrouse os días 25, 26 e 27 de xuño. Durante estas xornadas, revisáronse os avances nas áreas de xestión e comunicación e celebráronse sesións de traballo para a avaliación dos avances nos pilotos en curso, así como a preparación da Estratexia e o plan de acción para a implementación de infraestrutura verde. As reunións complementáronse cunha visita técnica ás zonas experimentais do proxecto, situadas en Fermoselle e Villarino de los Aires (Salamanca), e ás adegas históricas de Fermoselle. Os asistentes puideron tamén coñecer de primeira man, a través dunha cata comentada, o traballo do Instituto Teconológico Agrario de Castela e León (ITACYL) e de adegas locais como Adegas Pascual Fernández na recuperación e valorización de microvariedades minoritarias, un patrimonio xenético clave para a sostibilidade e a identidade vitivinícola de Arribes. Estes espazos de intercambio reforzaron a coordinación entre os socios e favoreceron o desenvolvemento de solucións innovadoras para a conservación das paisaxes vitícolas e a adaptación ao cambio climático.

En paralelo, do 26 ao 28 de xuño, celebráronse as I Xornadas Internacionais “Paisaxes Históricas do Viñedo”, un foro de reflexión e divulgación que reuniu a profesionais do sector vitivinícola, investigadores, xornalistas especializados e representantes institucionais. O evento comezou cunha recepción oficial no Castillo de Dona Urraca e continuou coa presentación do proxecto ECOSPHEREWINES, unha visita técnica ás zonas experimentais do proxecto e diversos relatorios e mesas redondas sobre as paisaxes vitícolas de Douro, Ribeira Sacra, Betanzos, Arribes do Douro, Valdeorras, O Bierzo e Cebreros. Expertos, como o xornalista Javier Pérez Andrés, o catedrático Eugenio Baralla e outros representantes do ámbito académico, técnico e enolóxico abordaron cuestións como a caracterización xeográfica, a comunicación do patrimonio vitivinícola e o papel das denominacións de orixe na valorización dos viñedos en bancais. O programa incluíu ademais a emisión en directo de “El Picaporte” de EsRadio Castela e León, dedicado en exclusiva a estas xornadas.

O evento concluíu o sábado 28 pola tarde co Festival de Viños de Paisaxes Históricas do Viñedo, celebrado no Castillo de Dona Urraca. Aberto ao público, o festival ofreceu unha oportunidade para achegar ao conxunto da cidadanía, e en especial aos habitantes da comarca, os valores, retos e sabores asociados a estas paisaxes vitivinícolas. A actividade incluíu degustacións de viños de distintas rexións, coa participación de adegas procedentes dos territorios participantes nas xornadas técnicas.

A reunión do consorcio e as xornadas internacionais representaron un paso importante na consolidación do proxecto ECOSPHEREWINES, reafirmando o compromiso de todas as entidades implicadas coa sostibilidade, a innovación e a protección do patrimonio vitivinícola do suroeste europeo.

Sobre o consorcio de ECOSPHEREWINES
Os socios que levan a cabo as actividades de ECOSPHEREWINES son un total de 13 entidades procedentes de 3 países: España, Francia e Portugal. Todos eles, baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega.

A parte española está integrada pola  Universidade da CoruñaITER Investigación, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Duero-Douro, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, a Plataforma Tecnológica del Vino, o Instituto Tecnológico Agrario de Castilla y León (ITACyL)  e a bodega Pagos de Brigante.

Portugal, pola súa banda, está representado pola Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense (ADVID), a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e a adega Duorum Vinhos.

Finalmente, o Institut Français de la Vigne et du Vin (IFV) e a Maison de Vins de Gaillac son as entidades francesas involucradas no proxecto ECOSPHEREWINES.