José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega: “Sen rendibilidade non hai remuda posible, e sen remuda non hai futuro para o rural nin soberanía alimentaria”

Share

O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, advirte de que a falta de rendibilidade das explotacións agrarias está a comprometer a remuda xeracional e, con ela, o futuro produtivo do rural galego e da soberanía alimentaria.

Neste sentido, indica que Galicia afronta unha situación “complexa e de difícil solución”, marcada polo envellecemento dos titulares das explotacións agrarias e polo peche progresivo de actividades produtivas, mesmo en sectores estratéxicos. Ademais, subliña que a falta de recambio xeracional non é só unha cuestión demográfica, senón un risco directo para a capacidade de Galicia de producir alimentos e xestionar o seu territorio.

Estas son as principais conclusións da súa participación na mesa redonda “Sen remuda non hai soberanía alimentaria: xuventude, muller e futuro do rural”, que tivo lugar este xoves no marco do Encontro Sober 2026: Diálogos Rural e Industria, organizado por CESUGA.

Durante a súa intervención, referiuse ao vacún de carne, cunha elevada idade media dos titulares e un proceso acelerado de desaparición de explotacións, especialmente nas de menor dimensión, que cumpren un papel clave na xestión do territorio. Tamén destacou o caso do sector lácteo, onde, a pesar de tratarse dunha actividade competitiva e cun peso determinante na economía agraria galega, están pechando explotacións viables pola dificultade para asegurar a súa continuidade, o que limita a capacidade de manter e aumentar a produción. No ámbito vitivinícola, sinalou igualmente un abandono progresivo en determinadas zonas tradicionais, asociado á baixa rendibilidade e á fragmentación da propiedade.

Unha radiografía máis ampla destes tres sectores -o vacún de carne, o lácteo e o vitivinícola- pode consultarse nos informes sectoriais elaborados pola Fundación Juana de Vega, dispoñibles na súa páxina web: [https://juanadevega.org/publicacions].

A rendibilidade, condición imprescindible

Andrade foi especialmente claro ao identificar a raíz do problema e advertiu de que non pode abordarse unicamente desde a acción pública: “Non pode haber remuda se non hai rendibilidade, e iso non é só unha responsabilidade da administración, senón do conxunto da cadea de valor”.

Neste sentido, subliñou que garantir ingresos dignos para os produtores non depende exclusivamente das políticas públicas, senón tamén do comportamento da industria e da distribución, que teñen un papel determinante na formación de prezos. Segundo explicou, sen unha retribución axeitada do traballo agrario será imposible consolidar a renovación xeracional e manter a capacidade produtiva no territorio.

Un novo perfil de emprendedores no rural

Desde a experiencia da Fundación Juana de Vega co seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, que cursa actualmente a 14ª edición, Andrade destacou tamén a aparición dun novo perfil de emprendedores no sector agroalimentario: persoas formadas, con experiencia profesional previa e cunha visión empresarial clara. Segundo indicou, arredor do 70% das persoas participantes no programa da Fundación contan con estudos universitarios e moitas delas proceden doutros ámbitos profesionais, o que reflicte unha crecente capacidade de atracción do rural cando existen oportunidades reais.

Neste sentido, sinalou que os proxectos que nacen no ámbito agroalimentario presentan niveis de supervivencia superiores á media do emprendemento en xeral, o que evidencia o potencial do sector cando se dan as condicións adecuadas.

O papel da muller e os condicionantes do rural

En relación á presenza das mulleres no sector, Andrade destacou o seu peso crecente tanto na titularidade de explotacións como no emprendemento, cunha presenza próxima ao 40% nos procesos de incorporación. Así mesmo, sinalou que, desde a experiencia da Fundación Juana de Vega, arredor do 38% dos proxectos presentados están liderados por mulleres.

Segundo indicou, as barreiras estruturais para emprender son as mesmas para homes e mulleres, pero existen condicionantes adicionais, especialmente relacionados coa conciliación da vida persoal e familiar e coa falta de servizos no rural, que poden afectar en maior medida ás mulleres, aínda que considerou que esta realidade está a evolucionar de forma progresiva.

Políticas públicas máis coordinadas e orientadas ao territorio

Durante o debate, Andrade fixo tamén fincapé na necesidade de superar unha visión sectorial das políticas públicas e avanzar cara a un enfoque integral do desenvolvemento rural. Na súa intervención, apuntou que moitas normativas e marcos administrativos están deseñados pensando en contornos urbanos e acaban dificultando o desenvolvemento de actividades económicas no rural.

Neste contexto, referiuse á necesidade de avanzar cara a modelos de gobernanza máis coordinados, cunha maior cooperación público-privada e cunha planificación territorial adaptada á realidade do rural galego. Estes son algúns dos eixos centrais do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa coorganizada pola Fundación Juana de Vega que reúne a máis de 120 persoas expertas e representantes de distintos ámbitos para formular propostas orientadas a construír un rural máis activo, resiliente e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos e ambientais. O proceso culminará o vindeiro 28 de maio en Santiago de Compostela cun encontro final no que se presentarán as conclusións e liñas de acción compartidas.

Andrade puxo sobre a mesa varios exemplos que evidencian as dificultades que atopan moitas iniciativas empresariais para desenvolverse no rural galego debido á falta de adaptación normativa ao territorio. Como exemplo, mencionou casos reais de empresas galegas que atoparon importantes dificultades administrativas para medrar. Referiuse, entre outros, a unha queixería como Queizuar, que tardou máis dunha década para poder ampliar as súas instalacións debido a cuestións urbanísticas, e ao caso de Casa Grande de Xanceda, que tivo que recorrer a figuras excepcionais para poder desenvolver o seu proxecto, evidenciando a falta de adaptación das políticas públicas á realidade do territorio. “Necesitamos políticas públicas coordinadas, coherentes e pensadas para favorecer, e non dificultar, o desenvolvemento de actividade económica no rural”, reflexionou.

Un reto que vai máis alá da política agraria

Para concluír, Andrade insistiu en que a transición xeracional non se resolverá unicamente con medidas agrarias, senón que require unha actuación máis ampla que inclúa vivenda, servizos, conectividade e mellora das condicións de vida no rural. A súa intervención pechouse cunha mensaxe clara: “Sen rendibilidade non hai remuda posible, e sen remuda non hai futuro para o rural nin soberanía alimentaria”.