
José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, participou este mércores, 1 de xullo, na 27ª edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez, organizado polo Club de Prensa de Ferrol baixo o título “Galicia, identidade e gobernanza no mundo actual”.
No seu relatorio “A Galicia rural: identidade, territorio e gobernanza nun país en transformación”, Andrade ofreceu unha análise da transformación do rural galego nas últimas décadas, abordando os principais cambios económicos, territoriais e sociais que marcaron a súa evolución. A partir desta diagnose, puxo o foco no rural como un espazo produtivo estratéxico para Galicia, destacando a contribución dos sectores agroalimentarios e da cadea forestal-madeira na creación de riqueza e emprego.
Ao longo da súa exposición, incidiu tamén nos retos que afrontan estes sectores, entre eles a remuda xeracional, a rendibilidade das explotacións, a transformación industrial e a xestión da terra. Neste sentido, subliñou a necesidade de avanzar cara a novos modelos de gobernanza e ordenación do territorio que permitan responder ás distintas realidades do rural galego e aproveitar o seu potencial de desenvolvemento.
José Manuel Andrade convidou a superar unha visión do rural baseada nos tópicos e na nostalxia, para entendelo como unha realidade dinámica e en transformación, fundamental para comprender o presente e o futuro de Galicia. "O rural non precisa nostalxia, precisa proxecto: impulsar e dinamizar os sectores produtivos, apostar pola industrialización e pola valorización dos nosos recursos agroalimentarios e forestais, e avanzar con decisión en novos modelos de gobernanza e ordenación do territorio", afirmou.
A participación do director da Fundación Juana de Vega neste curso enmárcase no compromiso da entidade coa transformación do medio rural galego a través da transferencia de coñecemento, a colaboración e a acción no territorio. Nesta liña inscríbese o Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa que impulsa a Alianza para un Territorio Rural Resiliente co obxectivo de mobilizar institucións, empresas, entidades e cidadanía arredor de actuacións concretas que contribúan a unha mellor gobernanza, á ordenación do territorio e ao desenvolvemento dun rural máis resiliente, competitivo e con futuro.
O Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez, que tivo lugar entre o 1 e o 3 de xullo no Campus Industrial da Universidade da Coruña, é un foro consolidado de análise e debate sobre os grandes desafíos de Galicia. Esta 27ª edición reuniu destacadas personalidades do ámbito institucional, académico e cultural, entre elas o historiador e expresidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares Paz, membro do Padroado da Fundación Juana de Vega; o filólogo e presidente da Real Academia Galega Henrique Monteagudo Romero; o economista e expresidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe; a escritora e profesora da UDC Pilar García Negro; e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Christoph Schreinmoser, entre outras voces de referencia.
