Inserta Empleo e a Fundación Juana de Vega fomentarán o emprendemento como forma de inclusión laboral das persoas con discapacidade

Share

A secretaria xeral de Fundación ONCE e vicepresidenta executiva de Inserta Empleo, Virginia Carcedo, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, asinaron esta mañá un convenio para fomentar o espírito innovador emprendedor entre as persoas con discapacidade en Galicia.

Para iso, o convenio contempla levar a cabo actuacións de sensibilización, difusión e información conxuntas, aproveitando os recursos como os que ofrece o programa de emprendemento “Por Talento Emprende” de Fundación ONCE e Inserta Empleo.

Virginia Carcedo asegurou que iniciativas como a firma deste convenio, “son necesarias para impulsar o emprendemento como forma de inclusión no mercado laboral para as persoas con discapacidade”. Na súa opinión, “temos que traballar para que perdan o medo e as reticencias ao risco, que moito veces van aparelladas á idea de montar un negocio propio, e acompañalas para que se formen e poidan atopar novas oportunidades”.

Pola súa banda, Enrique Sáez Ponte destacou o compromiso da Fundación Juana de Vega para poñer a disposición o coñecemento e o expertise da entidade para fomentar o emprendemento, sobre todo no medio rural de Galicia, entre as persoas con discapacidade da nosa comunidade. "Xuntos podemos crear oportunidades reais para que todas as persoas desenvolvan o seu potencial emprendedor e teñan un papel activo na creación de riqueza no medio rural de Galicia. A diversidade impulsa a innovación e o crecemento", sinalou.

O acordo tamén ten como obxectivo brindar a oportunidade de mellorar as competencias, a calidade do emprego e a cualificación das persoas emprendedoras con discapacidade, a través de xornadas e seminarios conxuntos. Tamén impulsa a difusión de boas prácticas de persoas emprendedoras con discapacidade, e integrantes da Fundación Juana Vega en xornadas que celebre Inserta Empleo para fomentar o emprendemento.

Por último, o convenio establece a realización de actividades e promoción de iniciativas que fomenten a formación aos emprendedores, a mentoría, a identificación de oportunidades de negocio en función ás tendencias económicas e a mellora das axudas públicas, entre outras.

Inserta Empleo
Fundación ONCE é a principal entidade social española que traballa para a plena inclusión das persoas con discapacidade para o desenvolvemento de iniciativas e programas nos campos do emprego, a formación, así como a accesibilidade e o deseño para todos co fin de impulsar contornas, produtos e servizos globalmente accesibles.

Fundación ONCE puxo en marcha a organización Inserta Empleo, que é a entidade de recursos humanos experta na atención ás persoas con discapacidade e que centra a súa actividade en mellorar a súa formación e conseguir a súa inclusión no mercado laboral. Conta cunha experiencia de máis de 25 anos e un equipo de expertos en orientación e intermediación, repartidos polas súas 52 oficinas en toda España. Axuda ás persoas con discapacidade a atopar emprego, fórmaas se fose necesario, e ofrece ás empresas os mellores candidatos e candidatas para os postos que necesitan cubrir. Todo iso sen custo algún.

A actividade de Inserta Empleo enmárcase nos programas estatais FSE+ de Empleo Juvenil (CCI 2021ES05SFPR001) y de Inclusión Social, garantía infantil y lucha contra la pobreza (2021ES05SFPR003) y en el programa FSE+ de la Comunidad Autónoma de Canarias (CCI2021ES05SFPR009), que está a desenvolver Fundación ONCE a través de Inserta Empleo, co cofinanciamento da Unión Europea para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.

Fundación Juana Vega
A Fundación Juana de Vega é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1872 tras a morte da súa impulsora, Juana de Vega, unha muller culta e avanzada para a súa época que deixou todo o seu patrimonio para constituír unha escola agraria que hoxe, 153 anos despois, continúa a súa actividade para mellorar a calidade de vida da xente do rural galego. Esta misión canalízase través de diferentes programas e proxectos que se enmarcan en tres liñas fundamentais de traballo: Desenvolvemento Rural, Investigación e Innovación, e Paisaxe e Territorio.

A aposta pola formación e capacitación profesional para a mellora da competitividade dos principais sectores produtivos do rural galego centra gran parte das actividades e proxectos da Fundación Juana de Vega. A entidade conta desde hai trece anos cun programa propio de apoio a emprendedores e empresas agroalimentarias de Galicia e coordina a Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, ademais de xestionar directamente tres deles. Xunto co seu traballo diario, elaborar para a Xunta de Galicia as estratexias de dinamización dos sectores lácteo, cárnico, vitivinícola, hortícola e planta ornamental tamén lle permitiu á Fundación Juana de Vega identificar oportunidades en sectores con gran potencial que se cobren a través de colaboracións puntuais con axentes referentes a nivel local, autonómico ou nacional.