Na tarde do mércores, 25 de febreiro inauguramos na sede da Fundación Juana de Vega os cursos 2025 de Poda de viñedo e Poda de árbores froiteiras da área atlántica impartidos xunto co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.
As seguintes sesións discorrerán na sede do CFEA en Bergondo o mércores (26/02, 5/03) e martes (11, 18 e 25/03), no caso de Poda de froiteiras, e os xoves, no caso de Poda de vides (27/02, 6, 13, 20 e 27/03). En total, 23 horas cada curso.
A benvida oficial correu a cargo de Beatriz Suárez, directora da Área de Desenvolvemento Rural da nosa entidade, e de Camino Nicolás, directora do CFEA de Guísamo. A continuación, Xosé Antonio Meixide Fernández, profesor do CFEA, impartiu a conferencia “Evolución e perspectivas da poda en fruticultura e viticultura”.
Nesta edición, destacamos o grande interese por ambas formacións agro, de nivel semiprofesional, que no caso do curso de Poda de Froiteiras derivou nunha lista de espera que duplica o número de prazas ofertadas.