Hai opcións para mellorar o mercado de vacún de carne en Galicia?

Share

A semana pasada, José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, foi un dos relatores convidados á mesa redonda organizada por Unións Agrarias (UUAA) en Lugo baixo o título "Perspectivas e situación do mercado da carne de vacún en Galicia”. O evento reuniu a uns 300 gandeiros para debater sobre os desafíos futuros do sector de vacún de carne en Galicia, facendo especial fincapé na preocupación pola comercialización da produción, sobre todo cando o produto procede doutros países de fóra da UE, e o impacto de enfermidades como a EHE.

Durante a súa intervención, Andrade expuxo a "necesidade de rachar co cuasi monopolio no ámbito industrial vinculado á IXP Ternera Gallega cun dobre obxectivo". Por un lado, para facilitar o acceso á carne amparada pola IXP Ternera Gallega a outros mercados nacionais nos que ten escasa presenza. Pola outra, referiuse a incrementar a competencia en campo para mellorar os prezos pagados aos gandeiros. É dicir, deixar que os animais da IXP se poidan sacrificar e despezar fóra de Galicia.

Este demanda xa foi incluída na “Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030” elaborada pola Fundación Juana de Vega para a Consellería do Medio Rural hai dous anos. “É unha medida necesaria para non perder o recoñecemento que nos dá este distintivo”, argumentou.

En cifras
Segundo Unións Agrarias, en Galicia existen unhas 20.000 explotacións de carne vacún, das cales 8.000 están inscritas na IXP Ternera Gallega, e 6.000 considéranse profesionais. Un 32%, sobre 2.500, atópanse en zonas de montaña. Ademais de ser soporte económico e social en comarcas afectadas polo despoboamento e a crise demográfica, estas gandeirías representan un papel esencial na xestión do territorio e na prevención dos incendios forestais.