Galicia recuperará o potencial das variedades tradicionais de aveas negras para a súa transformación en produtos alimentarios e cosméticos de alto valor engadido

Share

A avea é o quinto cereal en importancia mundial para alimentación humana. Actualmente, das tres principais especies cultivadas, a variedade autóctona A strigosa foi moi importante en Galicia para alimentación animal ata os anos 80 do s. XX, sufrindo despois unha importante regresión asociada ao abandono do campo. Desde hai uns anos, o cultivo nacional foi aumentado debido ás súas vantaxes para o medio ambiente e a saúde humana aínda que o seu potencial está, aínda, infrautilizado.

Esta situación de partida foi a base sobre a que se desenvolveu o Grupo Operativo para Recuperación e valorización de aveas negras autóctonas de Galicia liderado polo grupo de Adaptación e sustentabilidade de cultivos da Misión Biolóxica de Galicia - CSIC no que participan en calidade de socios a Fundación Juana de Vega, o restaurante Culler de Pau e Cosmética Muuhlloa, e como entidades colaboradoras a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), a través do CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Tamén contará coa colaboración de Panadería Dacuña e as universidades da Coruña e de Santiago de Compostela.

Durante o próximos tres anos, ata finais de setembro de 2026, as entidades formarán un consorcio interdisciplinar e complementario. O seu obxectivo común será validar o potencial comercial e tecnolóxico das variedades tradicionais de aveas negras galegas mediante a súa transformación en produtos de alto valor engadido tales coma fermentados, produtos de panadería e produtos cosméticos, aproveitando que as aveas negras presentan un compoñente de alto valor funcional como as avenatramidas e os tocoferois.

Este proxecto foi un dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027.

Este mediodía, a sede a Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra) acolleu a reunión de lanzamento do Grupo Operativo para Recuperación e valorización de aveas negras autóctonas de Galicia coa asistencia de representantes de todas as entidades do consorcio e colaboradores.

Campos de cultivo en tres ambientes de Galicia
De entre as 130 variedades de avea negra conservadas no banco de xermoplasma da Misión Biolóxica de Galicia, en tres ambientes representativos de Galicia xa se están testando as 6 de maior potencial, segundo estudos previos levados a cabo en conxunto pola MBG e o Centro Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM).

A partir daquelas das que se obteñan mellores características, desenvolveranse os produtos alimentarios e cosméticos contando coa experiencia e coñecemento acumulado das empresas Culler de Pau, Muuhlloa e a Panadería Dacuña.

Varias son as vantaxes da produción de Avea strigosa. Debido á súa gran rusticidade presenta unha gran tolerancia á seca, necesita menor achega de insumos (auga, fertilizantes e fitosanitarios) e hai un menor risco de perda da colleita debido a estrés biótico ou abiótico. Fronte a outros cultivos, é máis resistente ao cambio climático, adecuándose ás esixencias de sostibilidade da Unión Europea.

Tamén lle afectan menos as deficiencias no manexo agronómico e, aínda que o chan sexa pobre e ácido tampouco supón unha limitación para o seu crecemento. “O cultivo de variedades tradicionais favorece a biodiversidade, a soberanía alimentaria, a modernización da agricultura galega en base a premisas ambientais, que fomenta o coñecemento e a innovación do sector en Galicia”, destacan os promotores.

Que son os Grupos Operativos?
Os Grupos Operativos reúnen un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se coordinan para desenvolver e executar un Proxecto Innovador dirixido a atopar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector propio do medio rural (agricultura, gandería, forestal etc.)