Como apoiar economicamente aos viticultores que contribúen á conservación do solo, da biodiversidade ou da paisaxe? Esta foi a pregunta central do obradoiro celebrado o pasado 11 de xullo en Toén (Ourense) no marco do proxecto europeo BIOservicES, no que participaron viticultores, adegas, administracións, persoal investigador e outras entidades vinculadas ao sector. BIOservicES é unha iniciativa que reúne 22 socios de once países para afondar nas interconexións entre a biodiversidade do solo, entre os seus organismos, e as funcións e servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio e no que a Fundación Juana de Vega participa como entidade asociada.
O encontro centrouse na co-creación dun modelo de Pagamento por Servizos Ecosistémicos (PES) adaptado ás características da viticultura galega. Este tipo de instrumentos baséase en acordos voluntarios mediante os que as persoas que xestionan o territorio reciben unha compensación polos beneficios ambientais que xeran as súas prácticas, como a conservación da biodiversidade, a protección do solo, a mellora da calidade da auga ou o mantemento da paisaxe.
Durante a xornada analizáronse as oportunidades e os retos para implantar este tipo de mecanismos en Galicia e identificáronse os elementos que debería incorporar un futuro sistema de incentivos para que resulte útil, viable e adaptado ás necesidades do sector.
Unha das principais conclusións do obradoiro foi que moitos viticultores xa aplican prácticas de xestión sostible sen recibir un recoñecemento específico polo seu esforzo. Os participantes coincidiron en que avanzar cara a modelos produtivos máis sostibles require non só apoio económico, senón tamén asesoramento técnico, estabilidade e ferramentas que permitan poñer en valor o traballo desenvolvido no territorio.
Entre as ideas máis destacadas sinalouse que o recoñecemento debe ir máis aló das compensacións económicas e incluír mecanismos de certificación, visibilidade e sensibilización social. Tamén se puxo de manifesto a necesidade de ofrecer un mellor acceso ao asesoramento técnico, adaptar as medidas ás condicións locais de cada territorio e deseñar esquemas sinxelos, flexibles e cribles. Os asistentes coincidiron ademais en que resulta máis práctico supervisar a implantación das boas prácticas que medir directamente todos os beneficios ambientais xerados.
Os Pagamentos por Servizos Ecosistémicos xa están a aplicarse con éxito noutros países europeos. En Italia, por exemplo, a empresa alimentaria Barilla remunera aos produtores de trigo en función das prácticas agrícolas que favorecen a biodiversidade e a sustentabilidade. A Universidade da Tuscia, socia do proxecto BIOservicES e que participou n creación deste modelo en Italia, traballa agora na adaptación deste enfoque a outros sistemas agrícolas europeos, entre eles a viticultura galega.
A actividade foi liderada pola Universidade da Tuscia e contou co apoio da Fundación Juana de Vega, da Universidade de Vigo e da consultora LGI. En concreto, a Fundación Juana de encargouse, en colaboración coa Uvigo, de identificar e convidar os axentes do territorio, facilitar as mesas de traballo, así como de explicar á vintena de asistentes que son os pagamentos por servizos ecosistémicos. "Este tipo de actividades e proxectos son moi enriquecedores xa que permiten coñecer de primeira man o punto de vista de viticultores, adegueiros, investigadores, administración pública e outros representantes do sector para deseñar iniciativas que axuden a impulsar a competitividade e o valor do territorio", sinalaron desde a entidade.
Un proxecto europeo para poñer en valor a biodiversidade do solo
BIOservicES reúne 22 entidades de 11 países europeos co obxectivo de comprender como a biodiversidade do solo contribúe ao funcionamento dos ecosistemas e á provisión de servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio. O proxecto, coordinado pola Universidad Politécnica de Cartagena e que conta a UVIGO e a Fundación Juana de Vega como socios galegos, desenvolverá novos indicadores, ferramentas dixitais e modelos de avaliación económica que permitan incorporar o valor destes servizos á toma de decisións en agricultura e na xestión do territorio.
No marco do proxecto analizáronse máis de 770 mostras de solo procedentes de 25 emprazamentos experimentais distribuídos por cinco rexións bioxeográficas europeas (alpina, atlántica, mediterránea, continental e boreal), nas que se estudaron máis de cen indicadores físicos, químicos e biolóxicos. Ademais, nos derradeiros dous anos desenvolvéronse experimentos de campo para avaliar como o cambio climático pode afectar á biodiversidade do solo e aos servizos ecosistémicos que proporciona. Estos experimentos, simularon o incremento de temperatura no solo e a reducción de precipitación, en donde se muestrearon 120 solos de usos semi-naturais de 4 rexións en Europa. No caso galego, os usos do solo son antigas zonas de cultivo abandonadas nos anos 70 e actualmente reconvertidas en zonas forestais con acacia, piñeiro e carballo, e no que se pretende avaliar cómo o cambio climático pode afectar no solo. Esto poderá aportar información e coñecemento para practicas máis resilientes e de mitigación do cambio global.



