Galicia debate sobre a xestión do territorio, gobernanza, reto demográfico e comunicación no Foro Territorio Rural Resiliente

Share

Expertos reunidos esta semana en Lugo, Santiago de Compostela e Silleda continuaron analizando a xestión do territorio, a gobernanza, o reto demográfico e a comunicación do rural en catro novas mesas de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, unha iniciativa impulsada desde a sociedade civil galega.

Os encontros forman parte dun proceso de reflexión colectiva que busca avanzar en propostas para mellorar a ordenación e xestión do territorio rural en Galicia, coa vista posta no foro final que se celebrará o 28 de maio en Santiago.

En Lugo, no LaboraTe do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, a Mesa 3 (17 de marzo) sobre mobilización e xestión activa do espazo agroforestal abordou as dificultades para o aproveitamento de terras agrarias e forestais. As persoas participantes destacaron a necesidade de impulsar o relevo xeracional, reforzar o papel dos montes veciñais en man común e activar os instrumentos de recuperación de terra agraria.

De forma paralela, na sede da Fundación RIA en Santiago, a Mesa 4 (17 de marzo) sobre gobernanza e cooperación público-privada puxo o foco en mellorar a coordinación entre administracións, entidades e axentes sociais. Segundo o responsable de proxectos da Fundación RIA, Adrián Capelo, a gobernanza require non só participación, senón tamén “capacidade para actuar de maneira coordinada e asumir responsabilidades”.

En Silleda, a Mesa 5 (18 de marzo) na sede da Fundación Roberto Ribas sobre poboación e actividade no rural analizou o impacto do descenso demográfico e as dificultades para garantir o relevo xeracional. A directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas, sinalou que o encontro permitiu reflexionar sobre “as persoas e actividades que fan posible unha xestión activa do territorio” e avanzar en propostas que requiren tanto iniciativa privada como unha maior implicación das administracións.

Pola súa banda, na Mesa 6 de Comunicación (25 de marzo, online) organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia as persoas participantes, vencelladas ao xornalismo e á comunicación, estiveron dacordo en salientar que é necesario rachar con estereotipos a través dos medios de comunicación, pero tamén dos produtos audiovisuais, por exemplo, da ficción. Propuxeron mostrar o rural desde todos os ángulos: desde a multiculturalidade ata o coidado da biodiversidade ou a innovación tecnológica e desenvolvemento económico.

O Foro Territorio Rural Resiliente está promovido pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

A iniciativa ten como obxectivo contribuír a un territorio rural máis activo, resiliente fronte aos incendios e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais, a través dunha mellor ordenación e xestión territorial.