Este mércores 17 e xoves 18, o consorcio do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia recibe unha visita de estudo da Rede PAC da Unión Europea organizada pola AEI-Agri, a Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícolas (tamén coñecida como EIP-Agri en inglés).
Unha visita de estudo (cross-visit) da Rede PAC da UE reúne proxectos de Grupos Operativos da EIP-AGRI de toda Europa para compartir experiencias prácticas, comparar enfoques e inspirar novas ideas sobre un tema específico, que neste caso serán os “Recursos xenéticos vexetais”. O evento ofrece unha oportunidade única de ver solucións prácticas en acción e aprender directamente doutras entidades que traballan para superar desafíos similares.
Esta visita a Galicia é froito da candidatura enviada a principios de ano polo consorcio Oliveiras de Galicia a un proceso aberto pola AEI-Agri para Grupos Operativos de toda Europa.
Neste evento transnacional, a Fundación Juana de Vega estará representando o Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, que coordina, e que ten por obxectivo poñer a punto e optimizar técnicas ad hoc (estaca clásica e micropropagación in vitro) para multiplicación a grande escala de 11 variedades de oliveiras autóctonas galegas (Brava galega e Mansa galega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Maruxiña, Susiña, Hedreira, Xoana e Santiagueira). O fin último é prover aos viveiros, de forma eficiente e sostible, de plantas certificadas que cubran a alta demanda destas variedades rexistrada no mercado polos novos agricultores galegos.
Entre a vintena de expertos europeos haberá técnicos da Rede PAC da Unión Europea, así como representantes doutra ducia de Grupos Operativos de Romanía, Málaga, Flandres (Bélxica), rexión de Emilia Romana (norte de Italia), Tesalónica (Grecia), Croacia, Eslovenia ou Galicia que traballan en temas similares ou complementarios. As temáticas das súas investigacións abarcan, entre outros, a recuperación dunha variedade de mazá tradicional rumana en sistema ecolóxico, o tomate Huevo de Toro, típico no val do Guadalhorce (Málaga), a optimización do cultivo de ruibarbo en Flandres, ou a recuperación e valoración da avea negra galega (Avena strigosa), no marco dun Grupo Operativo no que tamén participa a Fundación Juana de Vega.
Dous días de programa
O programa do visita comezará na sede da Fundación Juana de Vega o mércores 17 pola mañá para, pola tarde, trasladar o grupo ata Valga (Pontevedra) para coñecer o Olivar da Concordia, socio do GO Oliveiras de Galicia igual que o laboratorio Cultigar en Brión, a onde se trasladarán a continuación. Este último encárgase da posta a punto dos protocolos para a multiplicación in vitro das variedades de oliveiras. A xornada finalizará en Carral, onde o Grupo Dacunha compartirá a súa experiencia en proxectos de recuperación e valorización en panificación de variedades autóctonas de cereal. En particular, presentarase o traballo desenvolvido arredor da avea moura, no marco do Grupo Operativo Avea Moura.



