Século e medio despois da súa morte, Juana de Vega é unha figura histórica de referencia en dous puntos moi relevantes nos que aínda fica camiño por percorrer: a igualdade da muller en tódolos ámbitos e o desenvolvemento de organizacións da sociedade civil, que flexibilicen e complementen a labor do sector público.

Oleiros, 22 de xuño de 2022

Juana de Vega era filla única dun empresario de orixe humilde, que fixo diñeiro na emigración e tivo unha importante actividade política de liña liberal, e casou cun heroe da Guerra da Independencia, o xeneral Espoz y Mina, de tendencias similares ás do seu pai. Recibiu Juana unha boa educación, e a vida situouna nunha posición desde a que puido influír na sociedade a prol da democracia e o progreso. Estas ideas, naquela España moi conservadora, levárona a vivir bastantes anos no exilio, onde entrou en contacto con outras visións da sociedade e perfeccionou o dominio de varios idiomas. No seu activismo apoiábase tamén na relación de confianza que mantiña con Isabel II, da que foi aia cando a raíña era unha nena.

As ideas e contactos da Condesa de Espoz y Mina confluían nun faladoiro que mantivo moitos anos na súa casa da Rúa Real da Coruña, e tamén foron a base da súa amizade con Concepción Arenal, a principal pensadora social do seu tempo, a quen acolleu e deu apoio.  O seu progresismo amósase igualmente na organización, xunto con Benito Vicetto, dos Xogos Florais da Coruña en 1861, que deron pé á publicación do Album da Caridade, no que se recollen algúns poemas en galego. Foi a primeira pegada do rexurdimento da lingua.  

Juana destaca en espazos tradicionalmente reservados daquela ao xénero masculino. Foi unha muller que derrubou barreiras e apoiou a mulleres e homes que tentaban facer o mesmo. Pero tamén é un exemplo sobranceiro de activismo social, de axudar a desenvolver institucións da sociedade civil para solucionar problemas colectivos e crear espazos de solidariedade cos máis necesitados. Desde a Asociación de Mulleres que presidía creou un hospital para atender aos afectados da terríbel peste de cólera que golpeou á cidade en 1854, premeu para que Galicia contara cun hospital psiquiátrico moderno, que anos máis tarde se levantou en Conxo, e  presidiu aquí a Cruz Vermella, a primeira grande organización civil no espazo supranacional.  Como remate da súa vida, deixou a maior parte do seu patrimonio para que, tralo seu falecemento, se creara unha Fundación que hoxe continúa traballando intensamente para a mellora da Galicia rural.

Século e medio despois da súa morte, Juana de Vega é unha figura histórica de referencia en dous puntos moi relevantes nos que aínda fica camiño por percorrer: a igualdade da muller en tódolos ámbitos e o desenvolvemento de organizacións da sociedade civil, que flexibilicen e complementen o labor do sector público.

Enrique Sáez Ponte,
Presidente da Fundación Juana de Vega


Comentarios