Novas / Investigación

O Observatorio Eólico presenta, ós grupos parlamentarios de Galicia, unha proposta de contrato tipo para os terreos afectados por parques eólicos

O obxectivo é recoller algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos así coma facilitarlles a negociación coas empresas promotoras das instalacións

O OEGA nace da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo. Unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020.- O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) reuniuse hoxe cos grupos parlamentarios de Galicia para a presentación dun modelo de contrato tipo para os propietarios de terreos afectados por parques eólicos. O OEGA nace da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo, coma unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia.

O obxectivo desta proposta de contrato tipo é recoller algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos así coma facilitarlles a negociación coas empresas promotoras das instalacións. Un impulso para mellorar a situación actual e concederlles capacidade de decisión aos habitantes do mundo rural e aos propietarios dos terreos afectados polas centrais eólicas, tendo un papel principal na planificación do desenvolvemento eólico e a capacidade de autoxestionar o recurso vento. Desde o OEGA consideran que esta iniciativa pode ser moi positiva para fortalecer as comunidades rurais e eólicas.

A proposta recolle dúas fórmulas de contrato tipo. Por unha parte, o contrato de constitución de dereito de superficie sobre parcela para CMVMC e, por outra parte, o contrato de arrendamento para propietarios particulares. Estes modelos de contrato, aínda que non recollen condicións económicas específicas, fai unha chamada a que os contratos prevalezan sobre as expropiacións, e recolle unhas cláusulas básicas entre as que sobresaen tres formas de pagamento: por superficie ocupada, porcentaxe dos ingresos do parque ou por capacidade instalada. Tamén destaca a cláusula de produtividade pola que cada ano, a partir do segundo, producirase unha revisión do canon pactado. Ademais da actualización do canon, que deberá incrementarse cada anualidade con arranxo á variación experimentada polo Índice de Prezos ao Consumo (IPC). Por outra parte, levarase a cabo unha revisión do canon en calquera momento de vixencia do contrato, na que o superficiario comprométese a igualar o canon pactado cando o propietario presente un contrato, referido a calquera parque eólico terrestre existente dentro do marco normativo eléctrico español, que contemple unhas condicións retributivas máis vantaxosas.

O Observatorio Eólico de Galicia reivindica o papel da enerxía eólica coma unha excelente oportunidade para o  desenvolvemento e a supervivencia do rural, para a mellora da calidade de vida das persoas  ou das explotacións agrarias e  gandeiras. Entre as principais razóns que motivaron o desenvolvemento desta proposta destaca a recomendación recollida no “Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, avaliando a experiencia acumulada dende 2006 e, especificamente, a extraordinaria vaga de lumes que vén de sufrir Galicia en outubro de 2017 (Xullo 2018)”, pola que se instaba a desenvolver un instrumento para fortalecer a capacidade de negociación das comunidades de montes fronte ás empresas de produción de enerxía eólica, como un contrato tipo que oriente sobre prezos mínimos pola ocupación dos terreos.

O OEGA

O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) é unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia que nace da colaboración entre a Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto. Esta é unha iniciativa que pon en valor a colaboración entre o público e o privado, establecendo sinerxías entre as diferentes entidades para tratar de lograr obxectivos comúns vinculados co mundo rural.

O obxectivo do OEGA é desenvolver accións encamiñadas a impulsar a transferencia de información cuantitativa e cualitativa entre os axentes participantes, favorecer a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a parques eólicos e amosar os impactos positivos que isto xera no mundo rural. Complementariamente, poderá propoñer cambios normativos nos ámbitos da planificación territorial e enerxética.

Ademais de servir como repositorio de información legal, económica e ambiental dos parques eólicos e de realizar estudos e análises socioeconómicas e institucionais da enerxía eólica, o observatorio prestará asesoramento gratuíto aos axentes rurais que se atopen en procesos de negociación con promotores eólicos, como mecanismo para fortalecer a súa posición e favorecer o incremento das rendas derivadas da actividade eólica nos espazos rurais.


Novas relacionadas

O Observatorio Eólico presenta 10 propostas para mellorar as rendas que o negocio eólico deixa no rural galego

O informe, elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), estima que o impacto que tivo a enerxía eólica en propietarios de terras e concellos foi de 27,86 millóns de euros no 2017, o que s...

A Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto crean o Observatorio Eólico de Galicia

Será unha ferramenta de investigación, información, consulta e asesoramento para todos os axentes interesados na enerxía eólica en Galicia. O custo total das actividades previstas no convenio de...


Actividades relacionadas

Observatorio Eólico de Galicia

O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) é unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Gal...


Comentarios