Novas / Investigación

O Observatorio Eólico presenta 10 propostas para mellorar as rendas que o negocio eólico deixa no rural galego

18 Decembro 2019

#eólico #OEGA

O informe, elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), estima que o impacto que tivo a enerxía eólica en propietarios de terras e concellos foi de 27,86 millóns de euros no 2017, o que supón so o 5% da facturación total pola venda de enerxía eólica e propón melloras para incrementar os recursos que deixa nos espazos rurais.

As compensacións medias que reciben os Concellos multiplican por 12 as que reciben os propios propietarios das terras eólicas.

O OEGA nace da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo. Unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia.

Oleiros, 18 de decembro de 2019.- A Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo, presentou hoxe o informe “Impacto económico da enerxía eólica no medio rural galego: Contexto, cambios e oportunidades”, elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA). O OEGA nace da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo. Investigadores dos grupos de investigación en Economía Ecolóxica, e Rede, nomeadamente os profesores Xavier Simón, María Montero e Damián Copena, foron os responsables da súa elaboración.

O informe, estima que o impacto que tivo a enerxía eólica nos propietarios e concellos no medio rural galego foi de 27,86 millóns de euros no 2017, (mediante alugueres, expropiacións, IBI, IAE, ICIO e Canón eólico), arredor do 5% da facturación total estimada pola venda de enerxía procedente dos parques eólicos. As compensacións medias que reciben os Concellos multiplican por 12 as que reciben os propios propietarios das terras eólicas. Tal e como se sinala no texto, o Observatorio Eólico de Galicia considera que esas rendas poderían ser superiores sen que iso comprometese o proceso de transición enerxética.

O desenvolvemento do sector eólico en Galicia tivo lugar grazas á combinación de dous factores: existencia de recurso eólico en moitas áreas de Galicia e vixencia dun marco regulador que favoreceu a posta en marcha das centrais eólicas. “Somos moi conscientes de que a enerxía eólica é o petróleo de Galicia”, afirmou o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez. “A enerxía eólica, e as enerxías renovables en xeral, son un patrimonio moi importante para Galicia polo que hai que regular quen accede a elas e de que maneira”.

O sistema deseñado para a implantación da enerxía eólica tivo como obxectivo fundamental a colocación do maior número posible de parques eólicos. Sen embargo, desde o punto de vista do Observatorio Eólico de Galicia, non se tivo suficientemente en conta os impactos económicos no mundo rural. Por unha banda, o marco regulador non lle concedeu aos habitantes do mundo rural nin aos propietarios dos terreos afectados polas centrais eólicas capacidade de decisión, sen poder ter un papel na planificación do desenvolvemento eólico e sen a capacidade de autoxestionar o recurso vento.

Por outra banda, o marco regulador outorgou ás empresas promotoras dereitos claves que explican o éxito na instalación de parques eólicos. Por exemplo, o dereito de solicitar a declaración de utilidade pública dos parques eólicos en tramitación administrativa coa conseguinte posibilidade da expropiación dos terreos eólicos afectados polas centrais.

Houbo algunhas excepcións, levadas a cabo por algúns Concellos que tiveron a oportunidade de desenvolver pequenos parques eólicos, como foi o caso dos denominados parques eólicos singulares. Ademais, desde 2010, os Concellos tamén se benefician de novos ingresos vinculados co impacto paisaxístico dos parques eólicos que son recadados por medio do Canon Eólico e repartidos entre os concellos seguindo diversos criterios. Os concellos tamén son os receptores de diversos impostos que recaen sobre os parques eólicos polo que melloran a súa tesouraría e benefician indirectamente ás comunidades rurais.

O marco regulador determinou todos os aspectos vinculados co desenvolvemento eólico, e polo tanto a natureza, tipo e alcance da participación das comunidades rurais, incluída a súa participación nos beneficios producidos. No caso galego a lexislación eólica sufriu diversas modificacións desde o Decreto 205/1995, o primeiro Decreto eólico dunha Comunidade Autónoma, ate as recentes mudanzas de finais do ano 2017, onde se fixan unhas modificacións normativas que tratan de impulsar a instalación de nova potencia eólica despois do parón eólico iniciado en 2008.

O representante da Fundación Isla Couto, Xavier Martínez Cobas, falou sobre a importancia da existencia dun organismo independente como o OEGA que monitorizara, recopilara e analizara todos estes datos. “No contexto actual, no que estamos asistindo a unha transformación histórica das fontes de enerxía é necesario poñer en valor e dotar de instrumentos e de información á xente, para que podan participar de maneira máis equilibrada nos procesos de negociación coas empresas eólicas”.

Propostas de cambio na organización do sector eólico en Galicia

O director do observatorio e profesor da Universidade de Vigo, Xavier Simón, explicou os dous tipos de medidas que, dende o Observatorio Eólico de Galicia, consideran que mellorarían a situación actual. Entre as propostas dentro do marco normativo actualmente vixente destaca o fomento de que os impostos con xestión municipal se configuren cos tipos de gravame nos máximos, o incremento da xustiza distributiva da totalidade do recadado no Canon Eólico, así coma a definición e aposta dun contrato tipo que ampare a tódalas partes e o incremento do nivel de transparencia. Entre as modificacións normativas que permitirían continuar co proceso de transición enerxética dando maior participación ó mundo rural e incrementando os fluxos de renda e a distribución da enerxía xerada pola enerxía eólica, o OEGA destaca o fomento de parques eólicos comunitarios, a recuperación da obriga legal de xustificar os motivos polos que non se chega a acordo entre propietarios e promotores e o cambio do deseño do Canon Eólico e do Fondo de Compensación Ambiental. Tamén sería necesaria a recuperación da figura dos parques eólicos singulares, os protocolos de comunicación entre promotores e actores locais ademais de ofertar a participación no capital social das empresas eólicas.

O obxectivo é que este proceso de transición enerxética se realice mellorando a distribución de rendas entre todos os axentes da “cadea de valor” eólica, contribuíndo ao desenvolvemento do espazo rural galego.  

O informe pode ser descargado gratuitamente premendo aquí.


Novas relacionadas

A Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto crean o Observatorio Eólico de Galicia

Será unha ferramenta de investigación, información, consulta e asesoramento para todos os axentes interesados na enerxía eólica en Galicia. O custo total das actividades previstas no convenio de...


Actividades relacionadas

Observatorio Eólico de Galicia

O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) é unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Gal...


Comentarios