Novas / Escola Galega da Paisaxe

O certame “Vilas en Flor” vén de emitir o fallo para outorgar as súas distincións aos concellos participantes nesta terceira edición que puxo en valor o deseño, xestión e mantemento dos espazos verdes urbanos coas súas flores de honra para os 26 concellos

5 Novembro 2020

#paisaxe #paisajismo

Chantada e Allariz acadan de novo as catro flores de honra. O xurado distinguiu tamén a Caldas de Reis, Lalín, Tomiño e Salvaterra de Miño con tres flores; a os de A Guarda, Baiona, Carballiño, Culleredo, Cuntis, Cambados, Fene, Gondomar, Narón, Ponteceso, Sada, Sarria, Salceda de Caselas, Pontedeume e Mondoñedo con dúas flores, e os de Ortigueira, Tui, San Sadurniño, Guitiriz e Betanzos foron recoñecidos cunha flor de honra.

Este certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e o patrocinio de Husqvarna e Rainbird.

O obxectivo principal desta iniciativa é a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación e representa a xeración dun selo de calidade e reclamo turístico.

Oleiros, 4 de novembro de 2020.- Esta mañá celebrouse, nun acto virtual, a emisión do fallo e a entrega dos galardóns do certame Vilas en Flor. Participaron de xeito telemático a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto; o director do certame Vilas en Flor, Pedro Calaza, e a directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre.

O xurado desta edición estivo composto por Isabel Aguirre, Manuel Rodilla, Manel Rodríguez, Javier Padín, José Sánchez, Santiago Lamosa, Mª Isabel Iglesias, Manuel Torres, Xurxo Xoán González e Domingos Manuel Méndez. Distintos equipos formados polos membros do  xurado foron os encargados de realizar as visitas técnicas a cada un dos concellos participantes, co fin de reunir información e analizar no terreo os criterios que puntúan neste certame.

O Programa "Vilas en flor" persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Séguese así o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias, Andalucía e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

Trátase dun programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística destes concellos e a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de paisaxismo, axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Méritos dos concellos con maior distinción este ano

O xurado destacou aos concellos distinguidos con catro flores de honra, Allariz e Chantada, polo gran esforzo realizado polos xestores municipais no eido da posta en valor do seu patrimonio natural. En concreto, respecto do Concello de Allariz, cunhas 14 hectáreas de zonas verdes na contorna urbana e unha ratio de 48 metros cadrados por habitante, destacouse o gran investimento en mantemento destes espazos, cunha especial complexidade este ano para a execución de proxectos pendentes debido ao confinamento e a elevada mortaldade de ameneiros (Alnus glutinosa) nas marxes do río. Tamén se valorou a oferta de actividades de turismo, medio ambiente e sustentabilidade, en particular a práctica da compostaxe comunitaria. En canto aos proxectos de futuro, destacáronse o parque infantil cuberto e un parque empresarial de catro hectáreas.

En canto ao Concello de Chantada, destácanse as accións en áreas como patrimonio vexetal e paisaxístico, tanto polos espazos arborados e o uso de vexetación de temporada tanto no centro urbano como nos paseos de ribeira, cun óptimo estado de conservación e mantemento. En medio ambiente e sustentabilidade valórase especialmente a xestión da auga, o uso de técnicas de xeroxardinería, a compostaxe para uso municipal, así como a produción propia no viveiro municipal e a fabricación propia de madeira para mobiliario en zonas verdes. Tamén se observa un uso eficiente  dos recursos para o mantemento, cunhas zonas verdes coidadas e floridas.

Acta Vilas en Flor 2020


Novas relacionadas

Allariz, sede este ano da entrega de Vilas en Flor, obtén o maior recoñecemento xunto con Chantada no certame que premia os concellos con mellor xestión de espazos verdes

O certame, impulsado pola Fundación Juana de Vega, bateu récords de participación, con 30 concellos que obtiveron entre unha e catro flores de honra recoñecendo a posta en valor da súa paisaxe ur...

Entrega dos galardóns do certame Vilas en Flor Galicia 2021

A entrega dos galardóns de Vilas en Flor Galicia celebrarase o 17 de novembro en Allariz, para distinguir a posta en valor da paisaxe de 30 concellos de toda Galicia Un xurado experto no ámbito pro...

O xurado do certame Vilas en Flor completa as visitas aos 29 concellos participantes para deliberar sobre a súa xestión paisaxística e ambiental

Está formado por un equipo de dez expertos de universidades, administracións e entidades públicas e privadas, que destacaron o interese e a disposición dos técnicos e xestores dos municipios Na ...

Chantada e Allariz acadan as catro flores de honra como as vila máis fermosas de Galicia no certame Vilas en Flor

O xurado distinguiu tamén a Caldas de Reis e Salvaterra con tres flores. Ademáis de Portomarín, Ponteceso, Tomiño, Mondoñedo, A Guarda, Culleredo, Cuntis, Carballiño e Betanzos con dous. Pola s...

Os concellos de Chantada e Allariz recoñecidos pola boa xestión dos espazos verdes.

Nesta primeira edición do programa, impulsado pola Fundación Juana de Vega, AGAEXAR e ASVINOR, participaban tamén Caldas de Reis, con tres flores de honra; Betanzos, con dous, e Ortigueira, que lev...

A Fundación Juana de Vega, ASVINOR e AGAEXAR poñen en marcha en Galicia, o programa internacional Vilas en flor

Anualmente outorgaranse as Flores de Honra (entre unha e cinco flores) aos municipios participantes elixidos por un xurado especializado, como recoñecemento tanto a traxectoria como as accións levad...


Actividades relacionadas

Vilas en flor

Un recoñecemento ao labor dos municipios por mellorar o seu espazo urbano...


Comentarios