Novas / Investigación

Novo convenio de colaboración

A Fundación Juana de Vega e o Grupo de Acción Local Terra das Mariñas firman un convenio de colaboración para a posta en valor do medio rural.

A Fundación Juana de Vega e o Grupo de Acción Local Terra das Mariñas firman un convenio de colaboración para a posta en valor do medio rural.

O convenio contempla a realización de actuacións conxuntas que contribúan o desenvolvemento do medio rural no ámbito territorial de Betanzos, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.

O Presidente da Fundación Juana de Vega, D. Enrique Sáez Ponte e o Presidente do Grupo de Acción Local Terra das Mariñas, D. Juan José Rocha Carro, firmaron un convenio de colaboración para a realización de actuacións conxuntas para poñer en valor o espazo rural da Comarca das Mariñas.

As actividades a desenvolver dentro do marco do convenio son entre outras, a organización e execución de todo tipo de actividades socioculturais para dar a coñecer a problemática rural, a edición de material escrito ou audiovisual con fins divulgativos, didácticos, dinamizadores ou sensibilizadores, a promoción das actividades formativas que sexan precisas para unha mellor cualificación técnica das persoas do medio rural e todo tipo de actividades que contribúan á consolidación e o crecemento de produccións e sistemas de agricultura e gandería tradicional, incluído o acceso dos productos aos mercados actuais.

Actualmente a Fundación Juana de Vega xa está desenvolvendo un proxecto experimental na zona de Betanzos para mellorar a producción e a calidade do ¿viño da terra de Betanzos?, e que abarca desde os aspectos puramente agronómicos ata os procesos de elaboración e comercialización.

Este proxecto financiado pola Fundación e que a partir de agora se circunscribe dentro das actividades do convenio, estase desenvolvendo coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galiza da Xunta e a colaboración da Asociación de Viticultores e Adegueiros de Betanzos e Comarca, ao que agora se suma o Grupo de Acción Local Terra das Mariñas.

Igualmente, tanto a Fundación como o Grupo de Acción Local Terra das Mariñas están traballando conxuntamente na edición dunha publicación sobre xardíns da comarca, na elaboración de rutas turísticas e nunha guía de turismo rural da zona para a súa presentación en FITUR 2008.


Comentarios