Novas / Escola Galega da Paisaxe

A Xunta comeza o ano dedicado á paisaxe coa posta en marcha do programa "12 meses,12 paisaxes" nos centros educativos

23 Xaneiro 2012

#paisaxe #educación

Neste sentido, hoxe dará comezo a iniciativa "12 meses, 12 paisaxes", que supón a organización dunha serie de visitas a diversos centros educativos da nosa Comunidade para dar a coñecer, a través de obradoiros e charlas, os valores das 12 grandes áreas paisaxísticas que se delimitaron desde a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e desde as que se acometerá a redacción dos Catálogos da Paisaxe.

Santiago, 19 de xaneiro de 2012.- Tal e como anunciou o conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, a Xunta de Galicia dedicará este ano 2012 unha atención especial á paisaxe galega, desenvolvendo unha serie de iniciativas e actividades destinadas a poñer en valor os distintos recursos paisaxísticos da nosa comunidade.

Neste sentido, hoxe dará comezo a iniciativa "12 meses, 12 paisaxes", que supón a organización dunha serie de visitas a diversos centros educativos da nosa Comunidade para dar a coñecer, a través de obradoiros e charlas, os valores das 12 grandes áreas paisaxísticas que se delimitaron desde a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e desde as que se acometerá a redacción dos Catálogos da Paisaxe.

Este programa dirixido preferentemente á comunidade educativa, inicia a súa andaina na gran área paisaxística das Serras Surorientais, en dous centros ourensáns, o CEIP de Casaio en Carballeda de Valdeorras (que se visitará hoxe) e no CEIP das Vendas da Barreira en Riós (cuxa presentación das actividades terá lugar o venres, 20). Ambos os dous están no proxecto Axendas 21 Escolares de Galicia, que ao longo deste curso terá a paisaxe como tema de referencia.

A súa elección responde, non só ao feito de pertencer ó proxecto das Axendas, senón tamén ao desexo de comezar cuns colexios que desenvolven unha tarefa inxente neste eido. Uns centros inmersos nunhas paisaxes que requiren un esforzo extra en canto ás políticas de ordenación e xestión dun patrimonio paisaxístico que temos a obriga de entregarlles ás futuras xeracións sen mingua dos seus valores, en especial daqueles que conforman os escenarios cotiás da vida na montaña galega.

Guía de estudos da paisaxe.

Por outra banda, cabe destacar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, está a ultimar a redacción da primeira Guía para a elaboración dos Estudos de Impacto e Integración Paisaxística.

Trátase doutra das primeiras actuacións recollidas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, e o seu obxectivo é o de servir de marco metodolóxico para os profesionais que teñan que elaborar ou avaliar un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística. O Goberno galego prevé a publicación da guía para finais de xaneiro.

A Xunta está a poñer en marcha unha serie de medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, co fin de protexer e preservar os elementos mais significativos e característicos das diferentes paisaxes da Comunidade Autónoma; ordenar a través de accións tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar dende unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante iniciativas que guíen as transformacións provocadas polos procesos sociais, económicos e ambientais.

Desde o Executivo autonómico cualifícase este 2012 como o "ano da paisaxe", xa que a estratexia na que a Consellería de Medio Ambiente leva meses traballando vivirá un pulo definitivo coa información pública do primeiro catálogo da paisaxe, que será o da comarca do Deza; coa publicación da primeira guía para a elaboración de estudos de impacto e de integración paisaxística; coa publicación de diversos manuais de boas prácticas na paisaxe, e coa creación do Instituto de Estudos do Territorio, que estará destinado a tarefas de investigación, asesoramento e colaboración con outras administracións, sobre todo locais. A Estratexia da Paisaxe desenvolverase a través de tres tipos fundamentais de accións, que teñen como horizonte o ano 2016:

  1. Os instrumentos de protección, ordenación e xestión das paisaxes
  2. As estratexias de integración paisaxística
  3. A sensibilización, formación e divulgación da paisaxe

Actividades relacionadas

Talleres da paisaxe

Convenio asinado pola Fundación coa Consellería de Medioambiente, Territorio e Infraestruturas, impulsouse un programa formativo para introducir nos centros de educación infantil e primaria, tanto ...


Comentarios