Novas / Investigación

A investigación impulsada pola Fundación Juana de Vega permitirá aos produtores galegos de kiwi competir ao máis alto nivel de calidade cos líderes do mercado internacional

O estudo, presentado hoxe na Deputación de Pontevedra, foi desenvolvido na Estación de Fitopatolóxica de Areeiro, dependente do organismo provincial, polas investigadoras Carmen Salinero e María José Lema.

No traballo indícase en que prazos e baixo que condicións se debe colleitar este froito para obter a maior porcentaxe de materia seca e outros parámetros de calidade como o nivel de sacarosa e o peso.

Galicia atópase en condicións óptimas para dar un gran salto na produción e situar o seu produto no mercado competindo cos grandes produtores como Nova Zelanda ou Italia.

Pontevedra, 15 de decembro de 2011.-A Deputación de Pontevedra acolleu este mediodía a presentación dos resultados do proxecto de investigación impulsado e financiado pola Fundación Juana de Vega sobre as propiedades que debe reunir o kiwi colleitado na comunidade galega para competir ao máis alto nivel de calidade cos grandes produtores do mundo, fundamentalmente Nova Zelanda e Italia. Este proxecto desenvolvido na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente do organismo provincial, polas investigadoras Carmen Salinero e María José Lema, a partires da proposta realizada polo enxeñeiro agrónomo Luciano Martínez de las Heras, director da empresa, The Trading House Amodia S.L. e moi vinculado ao sector do Kiwi en España e Portugal. Na presentación deste estudo estiveron presentes a diputada provicinal Begoña Estévez, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, así como os xa mencionados Carmen Salinero e Luciano Martínez.

A importancia económica do kiwi en Galicia, un produto emerxente pola gran demanda internacional que existe actualmente, así como a necesidade de información técnica por parte dos profesionais do sector, fixeron posible o desenvolvemento deste proxecto de investigación financiado pola Fundación Juana de Vega, no marco do seu obxectivo de promover o desenvolvemento do medio rural galego a través dos seus sectores produtivos.

Así o recordaba José Manuel Andrade na presentación, na que indicou que un dos aspectos importantes de calquera investigación é a transferencia dos resultados aos sectores produtivos aos que afecta. O director da fundación engadiu que este traballo permitiu por primeira vez estudar o patrón de comportamento das variables que determinan a calidade do kiwi do noroeste da península ibérica, e ver, por exemplo, en que momento do ciclo vexetativo o froito alcanza os valores óptimos, pero tamén como se comportan estes parámetros unha vez que o froito entra na cámara.

Neste senso, recordou que esta información e moi importante para os produtores xa que comercialmente a calidade ten recompensa en forma dun maior prezo, que se traduce nunha mellora das marxes e da rendibilidade das explotacións. E é que non existe diferenza algunha entre o custe de produción dun produto de calidade media e un produto de calidade óptima seguindo os parámetros que se indican na investigación, pero sen embargo si é moito maior o valor engadido que se obtén, así como a posición para competir cos principais produtores dos froitos de maior calidade: Nova Zelanda e Italia. Galicia, con unhas favorables condicións climáticas nun momento no que se prevé un incremento da demanda, atópase polo tanto ante unha grande oportunidade para potenciar a produción de kiwi, polo que precisa realizar unha aposta decidida pola calidade que lle permita concorrer en condicións competitivas cos líderes do mercado.

Galicia conta na actualidade cunhas 500 hectáreas adicadas ao cultivo do kiwi, que se sitúan principalmente na provincia de Pontevedra entre Oia, Tomiño, Tui, O Rosal e A Guarda, e representa aproximadamente o 65% da produción de España.

Os resultados obtidos na investigación serán de grande utilidade para estes produtores galegos, xa que definen de xeito preciso cando, como e en que prazos realizar as colleitas. Así, segundo resumía Carmen Salinero na presentación, o principal parámetro para cuantificar a calidade do froito é a súa materia seca, é dicir, a fibra que queda tras extraer todo o zume. O albor mínimo desta materia seca para lograr un produto óptimo estaría no 15%, que se obtén 126 días despois da plena floración, que se dá a finais de setembro.

En segundo lugar, a investigadora avanzou que os 100 gramos de peso fresco do produto alcánzanse 140 días despois da plena floración, en torno ao 10 de outubro, e que aos 154 días, en torno ao 25 de outubro, é cando se obtén a hidrólise do amidón e o aumento consistente do grao brix ( o grao de sacarosa disolta nun líquido)

En definitiva, a conclusión principal do estudo é que a colleita do froito óptimo en canto a parámetros de calidade debe realizarse a partires dos 175 días despois da plena floración, é dicir, en torno ao 10 de novembro, cando a materia seca do froito supera o 16% e ten un tamaño medio de 110 gramos, cun grao brix do 8 e a hidrólise do amidón practicamente finalizada.


Novas relacionadas

Proxecto de investigación sobre diversas propiedades do kiwi

A Fundación Juana de Vega, a Deputación de Pontevedra e a empresa Trading House Amodia investigarán as propiedades do kiwi para mellorar a súa calidade e competitividade...


Actividades relacionadas

Experiencia sobre materia seca en kiwi

A Fundación Juana de Vega impulsa un proxecto de investigación para a mellora da calidade do kiwi producido en Galicia....


Comentarios