Novas / Escola Galega da Paisaxe

A Fundación Juana de Vega colaborará coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no desenvolvemento da súa Estratexia de Paisaxe.

O presidente da Fundación, Enrique Sáez, asinou hoxe un convenio co conselleiro Agustín Hernández para emprender accións formativas, de concienciación e de asesoramento que se desenvolverán a través da Escola Galega da Paisaxe.

Santiago, 24 de xaneiro de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, recibiu hoxe en San Caetano ao presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, para suscribir un convenio de colaboración que permitirá desenvolver accións formativas, de concienciación e de asesoramento enmarcadas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, que desenvolve a administración galega.

En concreto, e en virtude do convenio asinado por Agustín Hernández e Enrique Sáez, as dúas partes comprométense á organización de cursos, congresos, conferencias, así como exposicións e edición de libros. Tamén se plantexa a realización de estudos, informes ou traballos relacionados coa paisaxe e o territorio, así como a elaboración de programas e módulos tendentes á integración do estudo da paisaxe e do territorio e o desenvolvemento sostible no currículo educativo dos estudantes galegos e a promoción, deseño e execución de accións de concienciación e sensibilización sobre a paisaxe e o territorio dirixidas ao conxunto da sociedade. Do seguimento destas actividades, así como do seu desenvolvemento ocuparase unha comisión creada a tal fin.

Estas acción enmárcanse na Estratexia da Paisaxe de Galicia, que ten como obxectivo protexer e preservar os elementos máis significativos e característicos das diferentes paisaxes da comunidade autónoma; ordenar a través de accións tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar desde unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante iniciativas que guíen as transformacións provocadas polos procesos sociais, económicos e ambientais.


Comentarios