Novas / Escola Galega da Paisaxe

A Escola Galega da Paisaxe propoñerá actuacións ao concello de Arteixo destinadas a mellorar os seus recursos paisaxísticos e as súas áreas de lecer.

28 Decembro 2011

#paisaxismo #arteixo

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, asinaron hoxe un convenio para que a Escola Galega da Paisaxe formule propostas de actuación no concello.

A Fundación Juana de Vega tamén traballará en campañas de sensibilización e posta en valor dos recursos paisaxísticos do concello fronte a súa imaxe industrial.

Arteixo, 27 de decembro de 2011.-O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, firmaron hoxe un convenio de colaboración co obxectivo de que a Escola Galega da Paisaxe, dependente da fundación, traballe na formulación de propostas de actuación nas áreas naturais e de lecer do concello de Arteixo. O convenio tamén recolle o labor da Escola Galega da Paisaxe en actividades de sensibilización e posta en valor dos recursos paisaxísticos do concello, ademais de realizar estudos, informes e proxectos relacionados coa paisaxe, a ordenación do territorio e o desenvolvemento sostible. O convenio tamén ten como obxectivo a realización do denominado “masterplan” para o ámbito do concello de Arteixo por parte dos alumnos de arquitectura da paisaxe.

O concello de Arteixo e a Fundación Juana de Vega sinalan na redación do convenio a necesidade de que Arteixo realice unha planificación dos seus espazos naturais e de lecer tendo en conta os factores como a “presión da poboación procedente doutros lugares de Galicia, o crecemento de áreas industriais e a posta en funcionamento do Porto Exterior, que suporán para Arteixo un importante revulsivo económico. Este crecemento supón intervencións no territorio dunha grande magnitude, de tal xeito que é preciso traballar para que se minimice o seu impacto na paisaxe e facelo compatible cunha axeitada calidade de vida dos habitantes de Arteixo.

Tamén lembra a Fundación Juana de Vega que Arteixo conta “con extensos areais, calas, cantís, áreas recreativas que é preciso por en valor e potenciar tanto para o lecer da poboación como para que sirva de atractivo para os visitantes que veñan ao concello”.

O concello de Arteixo decidiu iniciar un ambicioso plan de colaboracións coa Escola Galega da Paisaxe debido ao prestixio alcanzado por esta institución, que ten entre as súas bases de funcionamento a colaboración con entidades públicas no traballo de coñecer, conservar e desenvolver o medio rural de Galicia, sen esquecer a formación da súa poboación activa.

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, destacou que este convenio constitúe un paso importante que abre un novo camiño para dar un salto de calidade na planificación paisaxística do concello, para sinalar que o obxectivo e mellorar a calidade ambiental das zonas verdes e zonas de esparcemento con melloras que repercutan en todos os veciños. Tamén destacou a utilidade sobre o municipio, marcado pola súa actividade industrial, poñendo en valor a súa riqueza paisaxística.

Pola súa parte, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, alabou a sensibilidade mostrada polo Concello de Arteixo, que se converte así nun exemplo na rexeneración da súa contorna urbana a través da colaboración coa Escola Galega da Paisaxe, creada pola Fundación Juana de Vega para aportar unha visión integradora da paisaxe, que “en Galicia foi un elemento postergado culturalmente”. Por tanto, indicou que “sentímonos moi satisfeitos polo paso que deu o Concello de Arteixo, un dos máis dinámicos de Galicia, por achegarse a nós abrindo un camiño pioneiro que espero que sigan outros municipios da comunidade”.

Finalmente a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, puxo de manifesto a “interesante traxectoria” do municipio de Arteixo, cun patrimonio de grande riqueza pero escondido trala faceta industrial. Neste senso, engadiu que a aposta pola calidade urbana de Arteixo acomódase ao que debe ser este concello: “unha zona residencial fantástica con bos equipamentos e calidade paisaxística”.


Comentarios