A Fundación Juana de Vega reuniu en Oleiros a investigadores, técnicos, produtores e empresarios da distribución do kiwi de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Portugal nunha xornada técnica dedicada á calidade, análise sensorial e estudos de consumidores.

No mesmo acto presentouse a Federación Española do Kiwi recentemente constituída e que ten por obxecto “o fomento e a expansión do cultivo” deste froito na península ibérica.

Oleiros, 31 de marzo de 2009.- A Fundación Juana de Vega reuniu  hoxe en Oleiros a representantes do sector do kiwi, desde produtores ata comercializadores, para analizar os aspectos que inciden na calidade, o sabor do froito e cómo desenvolver estudos de consumidores.

Esta xornada enmarcase dentro do proxecto de investigación que promove e financia a Fundación para a mellora da calidade do kiwi producido en Galicia e no que participan a Estación Fitopatolóxica do Areeiro da Deputación de Pontevedra e a empresa The Trading House Amodia, S.L.

O proxecto de investigación que ten unha duración de tres anos, ten por obxecto determinar as variables que inciden en diversas propiedades cualitativas do froito do kiwi –materia seca, amidón, acidez e nutrintes- parámetros que están directamente relacionados coa conservación a largo prazo e as características organolépticas do kiwi, todo elo con fin de obter un froito de máxima calidade posible, que permita manter a rendibilidade do cultivo ao ser identificado polo consumidor e primado polo mercado.

A importancia do sector do Kiwi en Galicia.
Galicia conta con 500 hectáreas de produción de kiwi, o que supón o 62,5 por cento do total de España. Ademais, polas súas condicións climáticas e edafolóxicas ten un gran potencial de produción e ademais un mercado próximo como é o resto de España, que na actualidade configurase como o país con maior consumo de kiwi per cápita a nivel mundial –supera os dos kilos por persoa ao ano- mentres que só produce o 10% do que consume e o resto impórtase dos grandes produtores (Italia, Nova Zelanda, Francia e Chile).

“Neste entorno, a aposta pola calidade é determinante e debe terse moi en conta ante calquera proceso de novas plantacións” – indicou José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.

A Federación Española do Kiwi.- aglutina as asociacións de kiwicultores existentes na península, e ten por obxecto, según palabras do seu Presidente, o galego D. José Antonio Estévez, “prestar servizos aos colectivos territoriales, actuar como interlocutor coas administracións públicas autonómicas e estatais e fomentar a expansión do cultivo de este froito. A Federación tamén se encargará de analizar os problemas do sector e de buscar solucións, así como de promover a investigación e a innovación nos métodos e as técnicas empregadas para o cultivo, conservación e distribución da produción”.

A xornada organizada pola Fundación Juana de Vega sirve de foro de encontro e de transferencia de coñecementos entre todos os actores implicados na produción e distribución de un produto, que en Portugal xa foi considerado coma un produto agrícola estratéxico.


Comentarios