Novas / Investigación

Galicia medirá o vigor das cepas para mellorar a calidade do seu viño

15 Xaneiro 2010

#viticultura

A iniciativa de Terras Gauda permitirá paliar o déficit de nitróxeno, potasio ou auga de cada planta e evitar pragas

Un proxecto de viticultura de precisión levará sensores ás vides para controlar a súa función fotosintética

Que hai viños galegos extraordinarios é un feito recoñecido por Robert Parker e demais ilustrados na materia. Que sempre hai marxe de mellora, tamén. A adega de Rías Baixas Terras Gauda presentou un proxecto de viticultura de precisión que acometerá este ano e que porá a Galicia no podio tecnolóxico do mundo do viño.

Consiste no control individualizado de cada vide, un manexo selectivo do viñedo para mellorar a súa rendibilidade. Colocaranse sensores en todas as plantas para chegar a medir ata a súa función fotosintética; é dicir, o seu vigor. Os datos informatizados, recollidos nuns nodos, permitirán coñecer o estado nutritivo de cada vide e aplicar nutrientes. Por exemplo, se unha planta necesita máis potasio, auga ou nitróxeno.

Os sensores medirán tamén temperatura, luz, humidade ambiente e humidade foliar (período de humectación da folla), e os datos combinados deses factores, dos que dependen as pragas de fungos, definirán o momento preciso para aplicar tratamentos e paliar calquera déficit das plantas. Ao usar fertilizantes de forma selectiva reducirase a contaminación.

Emilio Rodríguez, enólogo de Terras Gauda e pai do proxecto, destaca que con esta iniciativa pretende controlar o nivel de madurez da uva e, xa que logo, poder graduar a vendima a conveniencia. «Cada planta madura dunha forma, pero se tes sensorizada a temperatura vas ver máis claro que zonas están listas e cales non -explica-. Nunha mesma parcela pode haber diferenzas de contido de azucres nas uvas equivalente a case un grao de alcol probable no viño, e temos 38 parcelas».

Oitenta mil euros

O proxecto, cun orzamento aproximado de 80.000 euros, apóiase en sistemas GPS e GIS para realizar a parcelación, e nun potente software de interpretación de datos. Graduar a vendima e controlar sanitariamente as vides permitirá cultivar uvas perfectas no momento adecuado e, xa que logo, obter un viño máis homoxéneo e regular.

Fuente: La Voz de Galicia


Comentarios