Novas / Promoción Agroalimentaria

Fundación Juana de Vega e AGACA alíanse para promover boas prácticas na cadea de valor alimentaria

José Montes e Enrique Sáez, presidentes de AGACA e Fundación Juana de Vega, respectivamente, asinan un Convenio de colaboración para implicar ás PEMES na adopción do Código de Boas Prácticas elaborado no marco da Lei de medidas para a mellora do funcionamento da cadea alimentaria.

Búscase incrementar a competitividade na área de comercialización dos distintos elos da cadea alimentaria.

Santiago de Compostela, 02 de xuño de 2016.

A Lei 12/2013 de Medidas para a mellora do funcionamento da Cadea Alimentaria contempla a figura do Código de Boas Prácticas Mercantís na Contratación Alimentaria para lograr maior transparencia, reciprocidade e axilidade nas relacións comerciais que se producen entre produción, industria e distribución, de xeito que se contribúa á mellora da competitividade e sustentabilidade na cadea alimentaria.

A Fundación Juana de Vega e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias asinaron, esta tarde, un convenio para promover a adhesión ao Código de Boas Prácticas entre os operadores que integran a cadea de valor agroalimentaria, que ten como obxectivo evitar as prácticas abusivas que se poidan producir entre os diferentes operadores da cadea.

Legalidade; defensa dos consumidores; liberdade de empresa, de mercado e de pactos; lealdade; transparencia, claridade, concreción, sinxeleza; eficiencia e sustentabilidade son principios polos que avoga o Código de Boas Prácticas, para acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais, mellorar o acceso á información, á trazabilidade e a regulación das prácticas comerciais.

Para iso, elaborarase material divulgativo e difundirase entre as empresas e cooperativas do sector agroalimentario galego, para lograr a súa adhesión voluntaria, xunto coa distribución,  ao Código de Boas Prácticas Mercantís.

A Fundación Juana de Vega e AGACA, pola súa fonda implantación entre os axentes que integran o sector agroalimentario, atópanse nunha posición propicia para actuar como impulsores da incorporación dos principios do Código á xestión das empresas e cooperativas agroalimentarias, que supoñen un dos principais motores da economía do medio rural galego.

Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, AGACA

AGACA dá apoio, formación e asesoramento ás máis de cen cooperativas que a integran en cuestións que poidan afectar ao desenvolvemento da súa actividade e actúa como transmisora dos intereses cooperativos ante as diferentes esferas públicas.


Actividades relacionadas

Adhesión da industria agroalimentaria galega ao código de boas prácticas mercantís na contratación alimentaria.

Convenio de colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) para implicar ás PEMES e cooperativas galegas na adopción do Código de Boas Prácticas Mercatís elaborado ...


Comentarios