Novas / Cátedra Juana de Vega

O liberalismo nos seus contextos

21 Novembro 2006

#congreso #liberalismo
Simposio internacional adicado ao estudio do liberalismo

Entre os vindeiros días 29 de novembro e 2 de decembro vaise a celebrar, no marco das actividades organizadas pola Cátedra Juana de Vega, creada por iniciativa e co patrocinio da Fundación Juana de Vega e coa colaboración do Dpto. de Hª Contemporánea e de América da USC, o simposio internacional sobre o Liberalismo na España do século XIX, que leva por título O Liberalismo nos seus contextos. Un estado da cuestión.

Destacados especialistas apresentarán, en Santiago de Compostela e na Coruña, un estado da cuestión co obxectivo de sinalar a situación actual dos coñecementos así como das liñas de investigación máis novedosas sobre os múltiples contextos nos que as ideas e principios liberais deixaron a súa pegada. Deste xeito, o papel protagonista que o Liberalismo desenvolveu nos eidos da política, a relixión, a prensa, o exército, a monarquía, a agricultura ou a industria, serán obxecto dunha revisión exhaustiva.

Dentro do traballo de divulgación que da figura de Juana de Vega, como gran dama do Liberalismo español, leva adiante a Fundación que ostenta o seu nome, este encontro ven a sumarse ao libro que se acaba de presentar sobre as súas memorias así como á exposición audiovisual que o vindeiro día 29 abrirá ao público, no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) “Juana de Vega. La gran dama del primer progresismo español”, cunha visita guiada que correrá a cargo de José Antonio Durán, máximo especialista en Dna. Juana.

As doce conferencias previstas acompañaranse, ademais, da realización de senllos rueiros polos “lugares da memoria” que o Liberalismo conserva nas cidades de A Coruña e de Santiago, e que en forma de nomes de prazas e rúas honran hoxe a aqueles persoeiros que tiveron especial protagonismo nas loitas promovidas no XIX polo establecemento dun réxime de liberdades, que en España non se consagraría ata a Transición.

A matrícula para o simposio permanecerá aberta ata o vindeiro 24 de novembro na secretaría do Dpto. de Historia Contemporánea e de América (gratuíta para o alumnado da Licenciatura de Historia da USC). O número de prazas é limitado.

Mais información: USC


Actividades relacionadas

Congreso: Poder e territorio na España do seculo XIX. Das cortes de Cádiz á restauración

Os días 18, 19 e 20 de Xullo celebrarase no Pazo de Exposicións e Congresos de A Coruña (PALEXCO), o Congreso “Poder e territorio na España do Século XIX. Das Cortes de Cádiz á Restauración...

Congreso: "Entre Imperio e Nacións: Iberoamérica e o Caribe ao redor de 1810"

Os días 5, 6, 7 e 8 de Xullo de 2010, celebrarase na Coruña o Congreso "Entre Imperio e Nacións: Iberoamérica e o Caribe ao redor de 1810"...


Comentarios