Novas / Escola Galega da Paisaxe

Convocada a edición do 2012 do Premio Juana de Vega de Arquitectura

Premiarase a vivenda unifamiliar rematada en Galicia o pasado ano que mellor reflicta a posta en valor da calidade paisaxística a través dunha boa integración da arquitectura na súa contorna.

Os traballos para participar neste galardón, o de maior dotación de Galicia das súas características, poderán presentarse na sede da Fundación Juana de Vega ou nas diferentes delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia antes do 31 de maio.

Oleiros, 23 de marzo de 2012.- A Fundación Juana de Vega ven de convocar o Premio Juana de Vega de Arquitectura 2012, no que se seleccionará a mellor vivenda unifamiliar, tanto de nova planta como de rehabilitación rematada en Galicia o pasado ano. O xurado valorará especialmente a capacidade da obra para converterse nunha referencia social que poida influír favorablemente nos tipos de vivenda que se constrúen no medio urbano.

Este premio, que se enmarca dentro das actividades da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, ten por obxectivo apoiar a mellora da calidade paisaxística nos espazos non urbanos, caracterizados en Galicia por unha gran dispersión das vivendas. Así, a través deste certame, o de maior dotación económica dos que se conceden en Galicia destas características, premiase cada ano a proposta que mellor se integra na contorna, permitindo a incorporación de todo tipo de estilos e correntes arquitectónicas, desde as máis tradicionais ata as máis vangardistas, pero sempre ben integradas na paisaxe.

A esta novena convocatoria poderán concursar as vivendas unifamiliares rematadas en Galicia no ano 2011. A data límite da presentación dos proxectos realizados é do 31 de maio e os traballos poderán presentarse tanto na sede da Fundación Juana de Vega como nas diferentes delegacións territoriais do COAG. O importe da dotación do premio é de 6.000,00 euros e o xurado poderá conceder ademais dous accésits dotados con 1.500,00 euros cada un. O fallo do xurado terá lugar no mes de setembro e os traballos premiados difundiranse mediante a súa publicación.

O Xurado estará formado, nesta edición do 2012, polo decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte Vázquez; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte; o arquitecto Gonzalo Byrne; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, Fernando Agrasar Quiroga; o arquitecto Salvador Fraga Rivas; o secretario do Padroado do Museo do Pobo Galego, Manuel Caamaño Suárez, e o escritor Xavier Seoane.


Novas relacionadas

A Fundación Juana de Vega inicia a súa novena edición do Curso de Arquitectura da Paisaxe con especialistas de primeira liña internacional

O director da Fundación Juana de Vega e o coordinador do ciclo inauguraron hoxe as xornadas, organizadas pola Escola Galega dá Paisaxe, que están dedicadas este ano aos países baixos, nórdicos e ...


Comentarios