O xurado declarou deserto o premio dado que estima que ningún dos proxectos presentados reúne completamente e de forma integral os requisitos e as condicións establecidas.
Concedéronse dous accésits ao traballo de integración paisaxística nos espazos comunitarios do conxunto residencial de Cornes, e ao Xardín do Teatro, deseñado para cubrir o oco central do complexo da Cidade da Cultura.
O obxectivo principal desta iniciativa é recoñecer aquelas intervencións que recuperen o patrimonio contruído e poñan en valor a súa contorna.
A Coruña, 14 de decembro de 2022.- A Fundación Juana de Vega celebrou hoxe o acto de entrega do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na categoría de intervencións en espazos exteriores. O obxectivo é recoñecer aquelas intervencións realizadas en espazos exteriores que contribúan a mellorar a calidade da paisaxe. Nesta categoría tivéronse en conta aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe, a incorporación de criterios de sostibilidade, a adecuación da intervención realizada aos usos previstos ou a economía no uso dos materiais.
Nesta edición, o xurado declarou deserto o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, ao estimar que ningún dos proxectos presentados reúne de forma integral os requisitos e as condicións establecidas nas bases do premio. Non obstante, concedéronse dous accésits a intervencións realizadas no municipio de Santiago de Compostela, recoñecendo a integración paisaxística no conxunto residencial de Cornes e a intervención realizada no oco central do complexo da Cidade da Cultura, bautizada como Xardín do Teatro, en referencia á edificación que se proxectaba para esa área e que finalmente non se executou.
No acto estiveron presentes o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza, e a arquitecta Covadonga Carrasco, membro do xurado. Enrique Sáez quixo destacar a calidade das obras presentadas, ao tempo que reflexionou sobre a complexidade da categoría de intervencións en espazos exteriores dentro dos galardóns que concede a Fundación Juana de Vega, o que fai moi difícil outorgar o premio absoluto. Non obstante, destacou que ao longo das tres edicións celebradas ata o momento nesta categoría, catro dos seis accésits outorgados corresponderon a proxectos desenvolvidos en Santiago, o que pon de manifesto o papel de referencia de Compostela como tesouro patrimonial e tamén como exemplo de conservación e integración da paisaxe.
RESIDENCIAL DE CORNES
Respecto da valoración do xurado, no accésit concedido ao proxecto “Cornes: Paisaxismo en prazas públicas e espazos comunitarios para o conxunto residencial”, valorouse a actuación como posible modelo de inspiración noutras zonas similares para tratar os espazos intersticiais entre edificios. Destacouse o emprego acertado da vexetación na súa relación co espazo e a axeitada selección de especies vexetais que configuran espazos a diferentes niveis, ofrecendo unha percepción cromática, de texturas e volumes.
Recolleu o galardón a directora de ORZA Paisaxismo, Carmela Moral, que subliñou o reto e a oportunidade que supuxo a integración dun residencial como é o de Cornes, localizdo no sur de Santiago, ao carón dunha circunvalación de nove carrís e do cinto fluvial e verde máis potente de Santiago, que é o río Sar. Engadiu que no obxectivo de integrar Cornes nesa infraestrutura verde, as claves foron conectar coa natureza aproveitando la vexetación de ribeira do Sar, contribuíndo a reducir o impacto visual da circunvalación. Tamén tratouse de maridar a vexetación co propio edificio, establecendo un contacto moi estreito coa natureza, que parece xurdir de xeito espontáneo con especies moi comúns, en lugares tan pouco habituais como o garaxe ou o ximnasio.
XARDÍN DO TEATRO
Respecto do accésit polo “Xardín do teatro, Monte Gaias”, foi concedido a Alberto Redondo Porto, José Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez. O xurado destacou que obra soluciona de forma acertada a diferenza de cotas do espazo coa súa contorna, ao tempo que pon en valor un escenario baleiro no centro do complexo da Cidade da Cultura mediante unha proposta cromática, multifuncional e na que se soubo integrar elementos de construción de obras anteriores. Ademais, o escenario pode ser observado desde diferentes posicións visuais a distintas cotas, ofrecendo unha alta variedade de perspectivas.
En representación dos galardoados, Alberto Redondo presentou este proxecto como un reto moi importante do que se senten moi satisfeitos, sobre todo por estar ubicado nun espazo tan complexo como é a Cidade da Cultura. Conseguiron transformar o oco baleiro nun xardín frondoso, partindo dun escenario moi difícil, ao estar escavado en rocha. A proposta consistiu en harmonizar o espazo seguindo a complexa trama dos edificios do complexo, e integrando un auditorio central, un estanque, unha pista de skate, unha zona de parkur ou corredores de paseo aproveitando as pendentes e os cambios de nivel do burato.
Por último, o xurado destacou a obra de Santos Vila González “Urbanización da contorna do Peto de Ánimas de Piñeiro”. Deste xeito, valórase positivamente a recuperación dun elemento de alto valor simbólico, patrimonial e histórico como son os Petos de Ánimas con unha acertada actuación. Destaca a sensibilidade no deseño e acabados, e o eficaz emprego dos materiais construtivos. Trátase a diferencia de cotas con un xogo de niveis que resalta a imaxe completa do Peto, parcialmente soterrado anteriormente. O conxunto ofrece un microespazo acondicionado para usos diferentes nunha contorna rural relevante.
O xurado do premio estivo composto por Juan Manuel Palerm Salazar como presidente e Pedro Calaza como secretario, e Itxaro Lataza, María Isabel Iglesias, Covadonga Carrasco, Pedro Sala i Marti, José Luis Romeu e Enrique Sáez Ponte como vogais.
O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe xorde da vontade de poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, desde o convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade humana por incidir directamente no seu benestar físico e espiritual e por ser un recurso socio-económico de enorme potencial. Ademais da categoría de vivenda unifamiliar, de xeito alterno convócanse dentro deste premio as categorías de intervencións exteriores e intervención do patrimonio.