Participaron na presentación o historiador, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e autor da obra, Xosé Ramón Veiga, xunto con Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
“Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século” busca poñer en valor e dar a coñecer a figura desta ilustre coruñesa, unha das mulleres máis destacadas da intelectualidade española do século XIX, pero cunha historia aínda pouco coñecida.
Para o desenvolvemento da obra contouse con documentación inédita, tanto procedente do Arquivo Histórico Nacional como documentación privada da propia Juana de Vega
Ata o 21 de xaneiro, tamén estará aberta na Casa da Cultura Salvador de Madariaga a mostra itinerante sobre a vida desta ilustre coruñesa.
A Coruña, 12 de xaneiro de 2023.- A Real Academia Galega de Belas Artes acolleu hoxe a presentación do libro “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século”, do historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Veiga. No acto acompañaron ao autor Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Este acto e a publicación da obra enmárcanse no programa de actividades deseñado con motivo do 150 aniversario do falecemento da ilustre coruñesa, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social. Juana de Vega foi unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado.
“Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer do século” busca poñer en valor e dar a coñecer a figura desta ilustre coruñesa que, a pesar de ser unha das mulleres máis destacadas do século XIX, ten unha historia aínda pouco coñecida. Como afirma o seu autor, “queremos que Juana de Vega deixe de ser só un nome dunha rúa no centro da cidade da Coruña e pase a converterse no que realmente é, un referente do século XIX”.
O libro mostra a faceta menos pública de Juana de Vega, así como a súa actividade política, que pola súa condición de muller sempre estivo nun segundo plano a pesar da súa incansable loita e o seu gran interese polo liberalismo progresista. Para o desenvolvemento do libro contouse con documentación inédita, á que ata o momento non se tivo acceso, tanto procedente do Arquivo Histórico Nacional como documentación privada da propia Juana de Vega.
Tal como explica o autor, o obxectivo co que arrancou este proxecto foi definir a esta ilustre muller nunha única frase. Unha tarefa excesivamente complicada pola súa ampla e intensa traxectoria vital, relata Xosé Ramón Veiga, que tras un arduo traballo de investigación e documentación considera que o percorrido desta excepcional coruñesa poderíase condensar en tres palabras. “Cumprir co deber” foi a frase elixida para mostrar a súa dedicación e traballo constante para o seu servizo á sociedade, e mesmo tamén á memoria do seu marido, a súa atención aos nenos orfos, ás mulleres do rural e tantas causas ás que dedicou a súa vida Juana de Vega, cun legado que recolleu a fundación que lle da nome, e que se dedica a cumprir os obxectivos marcados pola súa benefactora como un dos referentes e exemplo de compromiso da sociedade civil co progreso da comunidade galega.
Para coñecer a vida e o legado de Juana de Vega pódese visitar tamén a mostra itinerante que permanecerá ata o 21 de xaneiro na Casa da Cultura Salvador de Madariaga e que despois viaxará a outras localidades galegas.