Novas / Promoción Agroalimentaria

A Fundación Juana de Vega participa nun proxecto para fomentar o aproveitamento do rural

10 Novembro 2022

#xornada #rural

Oleiros, 4 de novembro de 2022.- Onte tivo lugar no Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa a primeira reunión dos participantes no Grupo Operativo "Go Terractiva", que ten como obxectivo o estudo dos denominados "novos entrantes" nas actividades agrarias, ben como emprendedores ou como asalariados, é dicir, persoas que non proceden do ámbito agrario ou nin sequera do rural e que opten por incorporarse profesionalmente a proxectos empresariais agrarios.

Ademais da Fundación Juana de Vega, participan no Grupo Operativo: a EFA Fonteboa (coordinadores), a Cooperativa Horsal, o Laboratorio do Territorio (dependente do Campus Terra da Universidade de Santiago) e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas - Betanzos. E como entidades colaboradoras hai dous produtores agrarios de Abegondo (Eloy Galán e Sergio Boado) e a asociación Slow Food Compostela.

Os traballos do Grupo Operativo prolongaranse durante os próximos dous anos, ata setembro de 2024 e, entre outros resultados, prevese establecer unha Plataforma SIX (Sistema de Información Xeográfica) que identifique e localice as terras que se poidan aproveitar para pór en marcha iniciativas de produción agrogandeira adaptadas ás potencialidades do ámbito local.

As axudas para o funcionamento dos Grupos Operativos son xestionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) en coordinación coa Asociación Europea de Innovación (AEI), co obxectivo de fomentar a innovación nas áreas rurais prioritarias de actuación, tales como a xestión sostible dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación de tecnoloxías da información e a comunicación ao sector. 


Comentarios