O obxectivo do estudo é avaliar as posibilidades da zona para acometer a rehabilitación e posta en valor da fortaleza, diversificando a oferta e desenvolvendo recursos turísticos para garantir a conservación do BIC e permitir que poida ser desfrutado polas xeracións futuras.
A recuperación da Vila e Castelo de Monterrei pretende desenvolver o potencial turístico do BIC como elemento tractor que promova a dinamización de toda a comarca, contemplando o desenvolvemento de produtos enogastronómicos de proximidade que reforcen a identidade do destino.
No ámbito do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022, a Xunta de Galicia propón actuacións en bens de interese cultural co obxecto de garantir a súa conservación e permitir que poidan ser desfrutados polas xeracións futuras. Así mesmo, ten o obxectivo de diversificar a oferta e desenvolver recursos turísticos, centrando principalmente o investimento nas zonas de menor densidade de poboación para consolidar e impulsar turísticamente estas comarcas.
A Fortaleza de Monterrei conta con catro edificacións de titularidade pública acreditada, das cales tres poden ser destinadas á actividade turística. O obxectivo do estudo é avaliar as posibilidades de actuación na zona para desenvolver un proxecto de rehabilitación e posta en valor da fortaleza, no que se contemple o desenvolvemento de produtos enogastronómicos de proximidade e a restauración estrutural e paisaxística de diferentes puntos da Vila e Castelo de Monterrei.
A realización do estudo, que conta coa coordinación do arquitecto Ángel Cid, comprende unha primeira fase de traballo de campo para a identificación e toma de datos sobre o terreo, e unha segunda fase de traballo técnico e estudo, consistente na análise da situación dos elementos a tratar e das opcións de mellora e integración paisaxística máis axeitadas, contendo a proposta de usos posibles para as edificacións sobre as que se vai intervir e os proxectos preliminares de intervención nas mesmas.
O Convenio de Colaboración impúlsase no marco dos fondos Next Generation e do Plan Xacobeo Next Generation, posta en valor dos BICs do Camiño de Santiago, aprobado polo Consello da Xunta o 24 de febreiro de 2022.