Promoción Agroalimentaria

Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego

A Fundación Juana de Vega e a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio de colaboración para a elaboración da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego.

Galicia é unha potencia na produción de leite, xa que produce case o 40% do leite do estado e está dentro das dez primeiras rexións produtoras de leite de Europa. O sector lácteo é un sector estratéxico para o medio rural de Galicia, cunha achega do 1,7% do produto interior bruto da nosa comunidade, aínda que o seu impacto real na nosa economía é moi superior, debido ao forte encadeamento con outras ramas de actividade económica. É un sector xerador de emprego e riqueza, que contribúe ao sostemento de moitas comarcas da Galicia rural, preserva a paisaxe e contribúe a manter un territorio máis resiliente fronte aos incendios forestais.

Con todo, o sector presenta algunhas debilidades que ten que superar e prepararse para afrontar novos retos, co obxectivo de seguir sendo competitivo e avanzar na xeración de valor engadido ao longo de todos os elos da cadea láctea, fundamental para a sostibilidade do conxunto do sector.

A Fundación Juana de Vega coordina a elaboración da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, promovida pola Consellería do Medio Rural, por medio da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. O convenio, que conta con financiamento das dúas entidades, ten como finalidade acadar, entre outros, os seguintes obxectivos:

  • Avanzar cara a unha produción sustentable desde o punto de vista social, ambiental e económico.
  • Aumentar a capacidade de industrialización en Galicia do leite producido no noso territorio.
  • Incrementar o peso das Denominacións de Orixe de queixo na transformación láctea.
  • Mellorar o acceso dos produtos lácteos aos mercados nacionais e internacionais.
  • Avanzar na xeración de valor en todos os elos da cadea.
  • Mellorar a imaxe e o recoñecemento social dos gandeiros.
  • Mellorar a promoción do leite Galego naqueles mercados aos que se dirixe.
  • Mellorar os mecanismos de remuda xeracional para evitar que pechen explotacións rendibles por falta de sucesión.
  • Adecuar a oferta formativa ás necesidades das explotacións, co fin de mellorar as condicións de vida e de traballo dos seus titulares.
  • Implantar mecanismos que permitan mobilizar a terra produtiva para que as explotacións dispoñan da base territorial axeitada ás súas necesidades.

O deseño da Estratexia, que se presentará a mediados de 2020, conta coa colaboración dos diferentes axentes do sector a través da súa participación en diferentes mesas sectoriais. Nestas mesas, nas que participan representantes do Goberno galego, gandeiros, cooperativas, organizacións profesionais agrarias, industria, distribución, loxística alimentaria e denominacións de orixe de queixos, trátase de coñecer as inquedanzas e recoller as achegas dos distintos axentes en relación co diagnóstico do sector, os obxectivos estratéxicos e os eixos e accións que deben guiar ao sector lácteo do futuro.


Comentarios