Promoción Agroalimentaria

Plan Estratéxico do sector agrario da Limia

Dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ente público adscrito á Consellería de Medio Rural, xunto coa Fundación Juana de Vega e o GDR10 A Limia-Arnoia, estase redactando o Plan Estratéxico do Sector Agrario na Limia (PEL).

A Limia é unha comarca cunha forte especialización produtiva centrada no sector primario, que achega o 29,59% do PIB comarca (IGE, 2018). Na actualidade é un dos territorios con maior produción agrícola de Galicia, tanto en produtos hortícolas, como de pataca, cereal e millo. Asemade destaca por unha forte implantación da gandería intensiva de porcino, de aves e de vacún, que xera un impacto medioambiental importante no territorio sobre o que cómpre actuar. Especialmente nos últimos anos, a conflitividade social derivada da contaminación por nitratos das augas da comarca nalgúns lugares concretos é crecente.

Garantir a “Auga limpa e o saneamento para todos” e o obxectivo número 6 dos 17 Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas establecidos no ano 2015 e relacionase fortemente con outros ODS como o número 2 de “Seguridade alimentaria e agricultura sostible” ou o 3 de “Saúde e benestar”. E por iso que diversas administracións, empresas e sociedade civil están traballando nos últimos anos en iniciativas, como a “Mesa da Limia”, que contribúan a reducir a concentración de nutrientes nas masas de auga, contaminación que ten diferentes orixes polo que é necesario que todo o territorio e todos os axentes da Limia traballen de xeito conxunto para reducir os aportes de nutrientes ao medio.

Gran parte da superficie da comarca está protexida pola Rede Natura 200 baixo a figuras de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA A Limia). Tamén o ecosistema fluvial do rio Limia, concretamente a Veiga de Ponteliñares está declarada Zona Especial de Conservación (ZEC Veiga de Ponteliñares) . O embalse das Conchas destinado a produción de electricidade recolle as augas do rio Limia. É neste embalse onde puntualmente se producen episodios de crecemento intenso de cianobacterias e eutrofización. Estes procesos xorden cando a auga recibe grandes cantidades de compostos nitroxenados e de fósforo que poden proceder fundamentalmente da actividade agraria e dos residuos urbanos.

Obxectivo

Dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ente público adscrito á Consellería de Medio Rural, xunto coa Fundación Juana de Vega e o GDR10 A Limia-Arnoia, estase redactando o Plan Estratéxico do Sector Agrario na Limia (PEL) co seguinte obxectivo:

Elaborar un plan estratéxico para o sector agrario e gandeiro da comarca da Limia, que contribúa a un desenvolvemento sostible, rendible economicamente e compatible medioambientalmente co territorio para facer fronte ao conflito social existente pola contaminación ambiental froito da agrogandería intensiva.

O principal obxectivo do PEL é o desenvolvemento dun sector agrogandeiro sostible, rendible economicamente e compatible co medio ambiente. Para lograr este obxectivo durante os meses de novembro e decembro de 2020 realizase un Proceso Participativo online no que estean presentes os principais axentes do sector agrario da Limia así como todas administracións públicas con competencias na comarca.

A Fundación Juana de Vega traballará na elaboración do Plan ata xuño de 2021.

Para máis información consultar a web: https://www.limia-arnoia.gal/pel/


Comentarios