Na elaboración do viño é importante dispor dunha uva de calidade, pero tamén hai que aplicar na adega unhas prácticas tecnolóxicas axeitadas que permitan expresar todo o potencial da materia prima para obter un viño de calidade diferenciada.
Na elaboración do viño é importante dispor dunha uva de calidade, pero tamén hai que aplicar na adega unhas prácticas tecnolóxicas axeitadas que permitan expresar todo o potencial da materia prima para obter un viño de calidade diferenciada.
Dentro das tecnoloxías para asegurar a produción dun viño de calidade a maioría das adegas galegas optan pola utilización de lévedos comerciais que garanten a fermentación alcohólica dos mostos. Porén, esta estratexia conduce a unha uniformidade dos viños. Neste senso, o emprego de lévedos autóctonos supón unha vantaxe tanto pola adaptación destes cultivos ás características dos mostos e ás condicións das adegas, como pola súa contribución á calidade aromática dos viños.
A Fundación Juana de Vega en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal), o Instituto de Ciencias da Vide e o Viño (ICVV) da Rioxa, a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e as adegas da DOP Ribeiro O´Ventosela e Priorato de Razamonde, levaron a cabo desde 2018 un proxecto de innovación para promover a implantación dunha nova tecnoloxía na produción de viño: a aplicación dun lévedo autóctono que asegure a calidade aromática e a diferenciación do produto final.
Neste proxecto, a cepa XG3 do lévedo Saccharomyces cerevisiae, caracterizada e seleccionada na Evega por ter unhas características tecnolóxicas desexables, foi multiplicada e utilizada para a produción de viño a escala industrial nas adegas dentro da DOP Ribeiro. No estudo fíxose un control do proceso de fermentación e da capacidade de implantación do lévedo, e caracterizouse o perfil aromático e sensorial dos viños obtidos.
O proxecto permitiu valorizar o proceso de produción nas adegas co emprego da variedade de uva tradicional Treixadura e lévedos autóctonos para a obtención de viños de calidade, o que contribuíu á súa diferenciación fronte aos elaborados con lévedos comerciais, pero respectando a súas características aromáticas varietais. Esta iniciativa tamén fomenta a diversificación coa posibilidade para as adegas de dispor dun lévedo de orixe galega no mercado.
Tanto o proxecto como esta xornada de divulgacióncontan coa axuda para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI) 2018 da Consellería do Medio Rural a través do Feader.
Para a difusión deste grupo operativo entre o sector vitivinícola galego, a Fundación Juana de Vega, a Evega, o ICVV e a MBG-CSIC organizan unha xornada de divulgación dos resultados que terá lugar o vindeiro 14 de decembro por streaming.
Nesta xornada presentaranse os resultados do Grupo Operativo Produción de viños de calidade na DOP Ribeiro mediante o uso de lévedos autóctonos para promover a súa autenticidade.
A presentación dos resultados farase en dous relatorios: un, por parte da Evega (Agacal) e outro, por parte do CSIC, segundo se indica no programa.
A xornada vai dirixida ás persoas vinculadas co sector vitivinícola galego, fundamentalmente viticultores e adegas.
Hora | Contido | Relator/a |
12:30-12:50 | Presentación das xornadas
| Jose Luis Cabarcos Corral Director da Agacal Juan Manuel Casares Gándara Director da Evega Jose Manuel Andrade Calvo Director da Fundación Juana de Vega |
12:50-13:10 | Exposición dos resultados | Pilar Blanco Camba Saccharomyces cerevisiae XG3: orixe, potencial fermentativo e capacidade de implantación nas fermentacións industriais. Evega-Agacal |
13:10-13:30 | Exposición dos resultados | Mar Vilanova Perfil aromático e sensorial dos viños Treixadura elaborados con lévedo autóctono na DOP Ribeiro Misión Biolóxica de Galicia-CSIC |
13:30-13:45 | Preguntas |
|
13:45 | Remate da xornada |
14 de decembro de 2020
A xornada será emitida por streaming en formato webinar.
Para realizar a súa inscrición na xornada sobre Uso de lévedos autóctonos para a diferenciación da calidade aromática do viño na DOP Ribeiro é necesario cubrir o seguinte formulario. Uns días antes da xornada recibirá por email o enlace de conexión á xornada.
Formulario de inscrición pechado.
Os lévedos xogan un papel esencial na elaboración do viño xa que son os responsables da fermentación do mosto. Durante este proceso transforman o azucre e outros compoñentes do mosto en alcohol, ...