Urbanización da contorna do Peto de Ánimas de Piñeiro (Gondomar)
Categoría: Intervencións en espazos exteriores
Autores: Santos Vila González, arquitecto.
O proxecto pretende recuperar e poñer en valor o camiño histórico que unía a Vila de Gondomar coa Igrexa de San Miguel, na parroquia de Peitieros. Ademáis do Peto das Ánimas de Piñeiro, neste camiño encontrámonos cunha grande carga histórica, que se manifesta coa existencia de numerosos elementos patrimoniais; como son o Pazo de Troncoso, o Pazo de Piñeiro, a levada do Gallés e diversas fontes e lavadoiros.
O Peto de Ánimas atópase no cruce de dous camiños, acaroado a un muro de mampostería tradicional do peche da parcela dunha vivenda. O espazo urbano da súa contorna atopábase en mal estado de conservación e sen uns valores de urbanización acordes ao valor histórico e artístico que lle correspondía ao propio Peto. Non contaba cunha zona de protección dos vehículos que discorrían polo camiño.
Tralo comezo da execución das obras de urbanización escávase ao carón do Peto detectando que a base do mesmo atopábase aproximadamente a 85 cm por debaixo da cota actual do camiño. Este descubrimento provoca que o proxecto inicial teña que adaptarse a esta nova realidade, incluíndo un novo obxectivo á actuación que é o de devolverlle o Peto a escala que tiña orixinalmente sobre o espazo público.
O novo proxecto crea un espazo de protección na contorna do Peto de Ánimas, situándose a cota inferior do camiño actual. Créanse dous accesos á praza refundida mediante dous chanzos, e márcase coa plantación de tres acivros.
Ao executar a praza refundida créase unha grada coa instalación de dúas plataformas de madeira a modo de banco.
O pavimento resólvese con granito silvestre, de características similares aos muros existentes e formigón fratasado a man con áridos de cuarzo.
As solucións construtivas intégranse cos elementos patrimoniais da contorna.